Opinión

Algo máis que un catálogo, bastante menos que un programa

Podemos acaba de conquerir un novo éxito. A difusión do seu programa de goberno Vs catálogo IKEA sitúase no máis comentado. Un novo acerto do marketing, porque si de algo goza Podemos é dun alto nivel de liderazgo comunicativo -personificado no seu líder- o cal resulta dunha rendabilidade asombrosa transformada en votos.

Mais é preciso reflexionar sobre a relación entre este feito e o comportamento da sociedade, de si estaremos repetindo e copiando -da mesma maneira que fan co deseño do programa de goberno- outros capítulos da historia político-social europea, onde o éxito político de determinados líderes ía en concordancia co erro cometido nas urnas por moitas sociedades que se creían “avanzadas”.

Pero a intención do catálogo de Ikea non é casual, xa que se pretende imitar -ademáis da parte visual e de marketing- a súa propia filosofía empresarial. “Podemos” cambia o da “España Republicana” pola “República independente da túa casa” cuestión estética, porque como dixo Carolina Bescansa na súa presentación, a súa intención é “utilizar a metáfora da casa en relación co país” (España). O mesmo que pensa o resto de partidos, agás os nacionalistas que nos inclinamos máis por unha comunidade de veciñanza, para xestionar o noso espazo que é moito máis que dispoñer dunha habitación con dereito a cociña e baño, xa que o resultado sabémolo ben na Galiza, que sempre nos toca o faiado onde a enerxía da que dispoñemos non a aproveitamos, porque non nos permiten abrir nin unha ventá e as patacas se nos pudren porque non hai ventilación e prefiren collelas no súper de abaixo que ademáis é unha franquicia que alimenta paraísos fiscais.

A intención do catálogo de Ikea non é casual, xa que se pretende imitar -ademáis da parte visual e de marketing- a súa propia filosofía empresarial

Pero ademáis, a traxectoria do fundador de Ikea -que según parece arrepíntese da súa vinculación no pasado a grupos nazis- parécese moito á de Amancio Ortega; partindo da nada, crearon un imperio. Este tamén é o caso de Podemos.

Ikea vende os mobles, dáche as instrucións e ti o montas. Aforras a man de obra! (mentira, non a aforras. Realízala tí). Iso si, cun deseño impecable. Renovaron a industria do moble; onde antes había castiñeiro ou teca, agora hai aglomerado. O que prima é o deseño e o baixo prezo contra a calidade de materiais. Iso é o que demanda a sociedade e Podemos vén para dalo, porque tamén no Corte Inglés te podes vestir de hippi. O mercado vende apariencias, porque a sociedade o reclama.

O que prima é o deseño e o baixo prezo contra a calidade de materiais. Iso é o que demanda a sociedade e Podemos vén para dalo

Como dixo miña filla Mariña unha vez ceando nun restaurante e logo de comprobar que a apariencia non se correspondía coa calidade do produto que ceamos: “Papá, aquí es todo falso”. A frase provocounos unha risa xeral que mantivemos incluso despois de pagar un pastón cando iamos pola rúa. Reiamos de desesperación porque era certo. Iso sí. Teño que admitir que o que máis se reíu foi o propietario do establecemento, non da frase de Mariña que non escoitou, senón de mín, que pasei a tarxeta.

É o que ten descoñecer o establecemento e fiarse das aparencias, o viaxar non sempre trae cousas positivas, ou si…

Comentarios