Opinión

Deixemos de mancarnos e mancar ao BNG

Temos que querernos mais a nos mesmos. Nos mesmos é o BNG. Este pensamento escoitámosllo moitas veces o compañeiro Casanova do Corgo, Concello de forte presenza e prestixio do nacionalismo e onde os militantes son todos/as líderes, xusto porque ninguén quere selo.

Temos que querernos mais a nos mesmos. Nos mesmos é o BNG. Este pensamento escoitámosllo moitas veces o compañeiro Casanova do Corgo, Concello de forte presenza e prestixio do nacionalismo e onde os militantes son todos/as líderes, xusto porque ninguén quere selo.

"Si é por abertos, e por discutir en público as nosas propostas ninguén nos ten que dar leccións. Podo dar fe, e teño sido partícipe, de ter realizado xunto con compañeiros/as en tódalas feiras, tele-clubes, cantinas, montes e vales de Galiza e arredores, debates políticos prácticos e profundos".

A etapa de rebentar ao BNG dende dentro xa rematou en Amio. Non sigamos coas partillas da herdanza comunal. Cada quen no seu leiro que amose os seus froitos, e sempre que podamos imos a feira xuntos. Non son eu quen, nin é habitual no BNG pechar as portas, pero creo que temos dereito a saber si veñen para quedarse na casa, si veñen de visita, si veñen de ocupas, si veñen en plan de desafiuzamento, ou veñen de troula…. Si son amigos da casa mellor que mellor, pero si levan toda a vida dicindo que esta casa é unha merda, supoño que virán cargar o lixo. Recordo a algunha xente que deixou esta casa común porque aquí non faciamos o que facían os outros, en concreto primarias, e ao mesmo tempo criticaban a estrutura asemblearia do BNG. Modestia a parte, si é por abertos, e por discutir en público as nosas propostas ninguén nos ten que dar leccións. Podo dar fe, e teño sido partícipe, de ter realizado xunto con compañeiros/as en tódalas feiras, tele-clubes, cantinas, montes e vales de Galiza e arredores, debates políticos prácticos e profundos. Lémbrome daquel vello refrán galego que di “non lle vas aprender a teus pais a facer fillos”. O bo do meu ex compañeiro que toleaba polas primarias viu que a grande revolución do PSOE so da para facer castings e agora este home anda mareado… ¿Qué pólvora descubriron outros –si falamos da liberación nacional e social de Galicia- que xa o BNG non teña descuberto? Ou é que -falamos de cousas distintas cando miramos cara o País? E certo que Xosé Afonso di : “O que fas falta é empurrar a malta” Pero tamén canta: “Si eu fora carpinteiro casaba cunha ceifeira, xuntaba foice e martelo facía a miña bandeira”  E Castelao tamén dicía: “Petar na ialma do pobo ate crear un estado de ánimo revolucionario”. Inda mais: debuxaba as mensaxes do preguiceiro can de palleiro e o raposo: -Domestícate e xa verás que vida tan regalada. –Non che nacín para can, dicía o raposo. Esta terra é dura e áspera e non se lavourea  con teorizacións nin neo-loxísmos. Levamos case corenta anos tratando de amosarlle aos colonizadores a mansedume do nacionalismo galego. E non lles vale, queren a desaparición. Si é certo, que están xurdindo  revoltas dos cidadáns como cogomelos no outono que marcan o final dos partidos e  “partidiños”, como dicía publicamente unha persoa de máxima representación institucional e partidaria destas bagas de conciencia cidadá, para que learse a arrastrar ao BNG? Sería un lastre, perderían moitos votos os líderes desas mareas. Porque ao fin é do que se trata, de conseguir votos para eses líderes, que sen partidos nin organizacións de masas, nin teorías enferruxadas como as do marxismo, ou a loita pola autodeterminación van a ser capaces de recibir o impulso que proporciona a “nova forma de facer política” ao través das redes, dende o sofá e sen necesidade de asembleas, manifestacións nin folgas. O BNG sigue cos seus métodos de vello e ate fala de revolucións e cousas que atemorizan a xente. O novo poder cívico é un soño que se levanta dende unhas pantallas coa máxima celeridade e con pensamentos modernos e imaxes dinámicas, e con persoas relaxadas e intelectuais agudos, e non con excitados vociferantes…..  

"A sociedade galega, a maioría, sigue afectada das mesmas doenzas de sempre e precisa dos tratamentos do BNG".

Da o mesmo as creacións metafísicas ou virtuais de cada quen, ou o que nos mareen ou toleen as novas correntes do “pensamento egocéntrico”. A sociedade galega, a maioría, sigue afectada das mesmas doenzas de sempre e precisa dos tratamentos do BNG.

Son tantas as preguntas que algunhas propostas (que están de moda) abren, que os que somos de marchas curtas non sabemos si estamos mareándonos ou toleando.

Cómo é posíbel que dende a chamada esquerda se teña tanta ansia por liquidar os partidos de crase e os movementos estábeis  e facer “círculos” cando os magnates da dereita despois de ser donos de vidas e facendas; dos poderes financeiro, comercial, militar, coactivo, xudicial, mediático, e mafias varias, manteñen ademais vivos e activos un partido titular, un reserva, e introducen xogadores en tódolos outros equipos? Cómo se lle ocorre a alguén falar de fronte popular si vas a unha xuntanza e cada individuo é un partido e ate non está moitas veces de acordo consigo mesmo? Isto é un milagre da ciencia cibernética: Unha organización sen programa, sen ideoloxía nin militancia formal, na que podes entrar pola mañá e saír a mediodía, vai derrotar as forzas do sistema xusto cando os mais triunfadores destas estratexias semella que deixaron de ser anti-sistema? Agora deben ser so tema…. De considerar as institucións locais un fato de corruptos e pedir a abstención vai para catro anos, pásase agora a consideralas o único obxectivo. E van logralo sen atacar os votantes nin os votos dos partidos do sistema.

O importante sería pescar nos ríos do sistema, pero o sistema non entrega canas ao BNG. Non sei onde pode chegar a fronte popular cun pescador furtivo?

Como é que hai xente que leva vinte anos retirada de militancia e criticando ao BNG, e tirándonos zapatos e trapos sucios a cara, e de repente “morren  polos nosos osos” (ou ao mellor polos nosos esqueletes)….

Onde imos chegar si a xente coloca os foros de opinión no lugar dos partidos, as plataformas conxunturais no lugar das organizacións de masas, e as opinións e mensaxes políticos da oposición ao sistema están calcados dos “politólogos” do propio sistema? Cómo se pode confundir a unidade co remexido? E curiosa a frustración que teñen os ribeiraos do río Manzanares por ver a beiramar.

"Non se nos atopa moito nas pantallas pero estamos sempre onde andan a paus coa xente, e onde se está facendo “país”. Tamén estamos en moreas de mareas: Cotas do leite, Prestige, sanidade, idioma, dereitos laborais, infraestructuras….. "

Imaxínense o maremoto que se vai producir no Concello de Lugo cando a lúa chea axite as mareas que se están formando: Unha capitaneada por un ex Presidente da Deputación, outra por un ex Alcalde que estivo en varios bandos de guerra, cunha bandeira que un sublevado ( arroupado disque polo arte rupestre) dixo que lle roubaran. Unha banda veciñal, que leva ao temón un vello “golpe” de mar, agardando a que coa suba da marea o peixe corra para a súa cana. En Lugo so nos falta un barco pirata e un par de tripulacións senlleiras de “ex”; por exemplo, “ex - socios da S.D. Milagrosa” ou “ ex - membros da adoración nocturna ao Santísimo Sacramento”, entre os que se atopa o que subscribe.

Sería unha inxenuidade enorme por parte do BNG que confiara a defensa do seu programa nas institucións a persoeiros individuais que non teñan mais responsabilidade nin compromiso que a súa propia vontade individual. Xa sei que un do BNG se pode mudar ou vender, pero a obriga do BNG é fiarse de feitos e de traxectorias das persoas e non de impresións momentáneas. Non só por salvar ao BNG si non porque o BNG ten que sentir sobre o seu lombo a problemática e os  desexos de moita xente coa que ven compartindo dende fai moito a transformación de Galiza nun pobo de seu.

Qué acontecería si froito dun erro do BNG os cargos públicos se fixeran tránsfugas e se foran a grupos mixtos ou incluso místicos? Qué nos chamarían os do PP si por disolvernos en remexidos o BNG desaparece das deputacións?: Pois moi fácil:” Tontos útiles” de todo o mundo, e ademais, “gilipuertas”, como dicía unha tía miña despois de estar en Madrid.

Si a xente quere traballar de boa fe co BNG sen rexeitar o seu proxecto tivo e segue a ter milleiros de ocasións de estar connosco, non só nas eleccións. Non se nos atopa moito nas pantallas pero estamos sempre onde andan a paus coa xente, e onde se está facendo “país” (sexa branco ou sexa tinto). Tamén estamos en moreas de mareas: Cotas do leite, Prestige, sanidade, idioma, dereitos laborais, infraestructuras….. Se non temos pre-xuizos ou xenreiras persoais e ollamos con normalidade a súa historia, as siglas do BNG non son un pasivo senón un activo de moito prestixio.

"Se non temos pre-xuizos ou xenreiras persoais e ollamos con normalidade a súa historia, as siglas do BNG non son un pasivo senón un activo de moito prestixio".

A xente normal entre elixir un remexido (ou remix) e unhas persoas as que coñece e recoñece, apoiadas por un partido, vai ter sentido común. Outra cousa son as fotos e a propaganda dos poderes mediáticos. Xa vimos as fotos que a algún líder se lle propagaban fai 20 anos e fai pouco, cando se achegaba a España. ¡Canto mais novo parecía 20 anos despois!

Loxicamente a presenza e implantación do BNG é moito mais extensa do que aparece nos procesos electorais. Nas eleccións ao BNG obrígano a xogar cos árbitros comprados e co regulamento amañado polos equipos da casa. Nin o adestrador pode protestar, nin o público ver o partido. Si sae algunha imaxe é cando os expulsan do campo.

Si o BNG fose tan ruín e desastroso como algúns din estaríamos sendo loados polos que poden e apareceriamos nas portadas dos xornais. ¿Porqué coincide tanto a idea dos poderes mediáticos coa desta “nova forma de facer política” eliminando aos partidos sólidos arroupados por organizacións estábeis e disciplinadas no seo das crases populares e xentes do traballo?

Porqué esta promoción de anxos políticos a-sexuados?

¿Non se fixo xa un movemento convulso de refundación, refundiciòn ou fundición  do nacionalismo que ía producir un cambio nas conciencias e nos movementos sociais en Galiza?

A tentación freudiana de matar ao pai e a súa tribo existe en toda parte, pero neste caso non ten premio.

Amiguiños si, pero o BNG polo que vale…. O BNG, e a conciencia que ten creado arredor de si, ten moito valor para moita xente, tanto para os que lle queremos como para os que queren velo desaparecido.          
  

Comentarios