Blogue | Malalingua

Para que é útil o galego?

Hai quen defende, dende o castellano, que apostar pola norma reintegrada fará caer a venda dos ollos daqueles pais que ollan con desprezo o galego que aprenden as súas crianzas na escola, e que o potencial acceso a un mercado de millóns de falantes poñerá automaticamente fin á perda de transmisión lingüística interxeracional. Apúntase como única causa da perda de falantes o uso dunha ortografía que non vende, para a continuación reproducir unha serie de prexuízos contra o galego identificándoo co rural, a miseria e o atraso.

Recoñecendo que a inserción de Galiza na galegofonía ou lusofonía é beneficiosa tanto lingüística como culturalmente e vantaxosa dende o punto de vista económico, discrepo dos criterios economicistas que cualifican o galego como prescindíbel e o desprezan o polo seu número de falantes.

Pola miña parte, subscribo as palabras de Teresa Moure en Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética: "[...] concordamos coa necesidade de acudir ao portugués na procura dun referente para formas léxicas ou gramaticais que non chegamos a desenvolver pola anormalidade do noso contexto social, que privou a lingua dunha vertente culta. No entanto, non utilizaremos o criterio de confluencia co portugués para ilustrarmos a nosa importancia no mundo, entre outras razóns porque non parece autorizado o argumento de que as linguas sexan máis relevantes por contaren con máis ou menos falantes."

Consciente da utilidade do galego alén de Galiza, considérome unha reintegracionista interesada, mais o esplendor que irradian as outras culturas galego-lusófonas non me deslumbra até o punto de ignorar que os problemas do galego son moi outros.

Situacións de presión, persecución e mesmo discriminación e racismo por empregar o galego son a causa de que milleiros de persoas o abandonaran, tras practicaren a diglosia.

Velaquí a dificultade para vivir en liberdade baixo o paraugas dunha lingua teoricamente oficial, amputados os dereitos reais dos seus falantes e o libre exercicio da escolla lingüística.

Os medios de comunicación falan e escriben en castellano maiormente, mesmo aqueles que reciben subvencións para fomentar o uso do galego. A política lingüística da televisión galega requiriría dun TFM, mais vou resumir en que difunde un discurso ridiculizante do galego. Os centros escolares revélanse como espazos desgaleguizadores das pequenas e pequenos galegofalantes que neles ingresan. No parque infantil á crianza galegofalante márcaselle como “la niña que habla raro”. O SERGAS nega a existencia do dereito da doente a ser atendida en galego. Nas entrevistas de traballo pregúntanlle ao aspirante que a realiza en galego se sabe falar outra lingua e mesmo se atreven a preguntar por que fala en galego, cando este é oficial. No posto de traballo ténselle prohibido á traballadora que se dirixa en galego ás clientas e que conteste en galego emails de compañeiros. Tras a forte deslocalización das empresas teleoperadoras, o uso do galego no ámbito mercantil caeu a mínimos, afectando aos dereitos das traballadoras e das usuarias. E tantos outros exemplos reais da vida cotiá.

Todo isto solucionaríao un cambio ortográfico? Infelizmente estes problemas non ficarían superados por unha simple mudanza da norma. Cheira a derrotismo procurar novos horizontes perdendo de vista o entorno que nos rodea, mais non virá de fóra o remedio aos nosos problemas:. “O galego para viver o primeiro que ten que facer é sobreviver” dicía Carvalho Calero.

Cumpre mudarmos esta situación, pois non padecemos senón a política lingüicida do Partido Popular, que puxo proa ao galego. Eis os auténticos responsábeis políticos do retroceso da nosa lingua.

Para frearmos a perda de falantes cumpre activarse individual e colectivamente para gañar espazos de poder e de prestixio para o galego, cumpre coherencia diaria con independencia da norma pola que se opte.

Comentarios