Opinión

Referendo

Son galego. Aínda máis, son galego emigrado, que me da coma un plus de autenticidade enxebre se ollamos cara a nosa historia. O meu DNI, a miña outra lingua nativa e o meu amor pola tortilla de patatas din que seica son español, tamén.

Son galego. Aínda máis, son galego emigrado, que me da coma un plus de autenticidade enxebre se ollamos cara a nosa historia. O meu DNI, a miña outra lingua nativa e o meu amor pola tortilla de patatas din que seica son español, tamén.

"Grecia non está a ser un país egoísta. A xente é ben consciente das súas fallas, do orixe das súas débedas e da importancia da política na vida cotiá".

Dende novembro, estou a vivir nun lugar no que me sinto coma na casa. Teño mar ao lado da montaña, coma na casa. A xente bebe licores fortes despois do xantar, coma na casa. O peixe é ben fresquiño, acompáñase con viño branco e a xente gosta de longas sobremesas. Estou coma na casa. Máis non estou en Bueu, nin en Pontevedra, en ningures onde poida falar galego. Ou sequera castelán. Estou en Grecia, mais síntome coma na casa. E é por iso que tanto doe ler o que a miña xente pensa do que aquí está a acontecer.

Penso que a xente non peca de maldade, mais é probábel que de ignorancia. E ben sei que os galegos (e os españois) non o somos, por máis que nos queran facer pasar por iso demasiado a miúdo.

Grecia non está a ser un país egoísta. Hai oito meses que topei por vez primeira coa realidade helena, e nunca deixa de abraiarme. A xente é ben consciente das súas fallas, do orixe das súas débedas e da importancia da política na vida cotiá. Hai que ter en conta que España espertou á realidade política nun 15 de maio de 2011. Grecia levaba xa máis de tres anos esperta, sumida nun pesadelo do que nin abrindo os ollos se podía escapar.

As rúas están repletas de negocios pechados, de soños rotos, de xente pluriempleada e de familias onde as andanzas dos nenos na escola teñen que esperar ao remate da tertulia política para poderen ser escoitadas. Pero tamén de xente con orgullo, de xente esperta, que trata de contestar e reclamar os seus dereitos. O pobo grego xa non ten nada que perder, pero o din co queixo alto e a mirada dura, e é por iso que non van (imos) permitir que pase o que impoñan dende fóra.

"Votar o NON non é votar en contra da UE. Non é votar contra o Euro. Non é (coma se trata de vender) abogar por un imposíbel ou cometer unha irresponsabilidade. É ser consecuente coa democracia propia, coa vontade dun pobo"

A primeira das súas respostas ao austericidio foi Syriza, a segunda vai ser o NON. Non debe haber dúbidas ao respecto. En España, a xente ollaba esperanzada cara Grecia desafiando aos mercados, elixindo libremente aos seus gobernantes. O SI no referendo do próximo domingo significa volver a Papandreou, a Nea Dimokratia, ao PASOK, ao seo da Troika. O SI significa prostituir a vontade do pobo, significa actuar coma o galego máis coñecido no mundo enteiro neste momento (tristemente).

Votar o NON non é votar en contra da UE. Non é votar contra o Euro. Non é (coma se trata de vender) abogar por un imposíbel ou cometer unha irresponsabilidade. É ser consecuente coa democracia propia, coa vontade dun pobo, e seguir as recomendacións de Premios Nobel de Economía e de países coma os Estados Unidos de América. Algo vai mal en Europa se ten que ser o berce do capitalismo neoliberal o que defenda a xustiza social. A Unión Europea foi concebida, en teoría, coma unha asociación colaborativa, un conxunto de países unidos por fins comúns.

Ninguén en Grecia pide máis ca outros. Ninguén en Grecia desfruta de máis cousas que outros (se exceptuamos os países máis pobres, dos que ninguén se acordará xamais). En vez de realizar falsas acusacións ao pobo grego sobre estar a vivir por encima das súas posibilidades (ese discurso había resultar familiar en España), a opinión pública debería examinar coma os catro socios ricos de Europa viven por encima das NOSAS posibilidades. Sen entrar a analizar quen ten máis cartos e como os obtivo, ou quen ten menos e por que (son dúas preguntas apaixoantes, por certo), a xente debería valorar como o pobo grego defende o seu dereito a elexir como, e por quen, son gobernados. Como pasa na casa. Ou debería.
 

Comentarios