Opinión

Dende o preexilio

Esta semana conseguín, tras meses en busca de emprego, que me responderan dunha oferta. Unha resposta xa é un éxito nestes tempos, pero esta incluía unha petición: querían unha proba do meu traballo para poder facer unha avaliación axeitada. Fixen o que me pedían, enviei todo antes da deadline (o que antes se chamaba data límite) e agardei a dita avaliación. Sorprendentemente, foi positiva, polo que me pediron que fose a unha entrevista como paso previo á miña contratación. 

Soa ben, eh? O único tema que quedaba pendente era que a oferta de traballo dependía dunha beca para a contratación de Licenciados recentemente. Quedei fóra por moi pouco, por ser un Licenciado veterán, de máis de tres anos. Claro, teño tamén un Máster (tes que facer un Máster, todo o mundo ten unha carreira, iso é o que che din), pero pese a rematalo “en prazo”, non o estudei nunha universidade galega, outro dos requisitos. Non o fixen, principalmente, porque nas universidades públicas galegas non existe a especialidade que estudei. Ademais, profesores, profesionais, familia e a sociedade en xeral recomendan cambiar de entorno formativo para “ampliar os teus horizontes”. 

Chegados a este punto, a xente ha de dicir: bueno, meu, éche o que hai. Se a empresa ten opción de contratar por beca, non che vai pagar un soldo por que lle caias simpático. Certo. E teñen todo o dereito. 

Chegados a este punto, a xente ha de dicir: bueno, meu, éche o que hai

Bueno, nada, voltarei a buscar no mercado. Confío en que a combinación dun ano de experiencia en contrato de formación (ese que serve para mellorar a empregabilidade), a miña Licenciatura, o meu Máster, as prácticas ao longo de diferentes veráns e cursos independientes de formación axuden a facerme un oco na xungla laboral. Nada. A meirande parte das becas rexeitan á xente con experiencia, e a maioría de empregos que se axeitan ao meu perfil esixen entre 3 e 10 anos da mesma. Tamén atopo algunha beca que pide xente con 10 anos de experiencia laboral, pero supoño que tal oferta terá sido publicada dende o after

A miña empregabilidade non semella ter mellorado moito, polo visto. Tamén pode ser que afecte o tema de que nese contrato de formación eu xa tiña unha formación superior en varios niveis a aquela que ía obter. Non era o único, claro. 

Para moitas persoas, un voluntariado pode ser unha boa vía de escape, pero eu xa a gastei (e daríame para varios artigos de opinión, dos cales moi poucos serían positivos). Neste punto, recapitulo e miro as miñas opcións. Estas pasan por seguir a enviar currículos sen parar, estudar algo que complemente a miña formación ou comezar pola miña conta. A primeira non custa demasiado, pero tampouco serve para moito máis. A segunda soa ben, mais pode consumir un tempo considerábel e a súa eficacia non está moi demostrada. A terceira é a máis difícil, pero pode ser unha boa opción. 

Tamén atopo algunha beca que pide xente con 10 anos de experiencia laboral, pero supoño que tal oferta terá sido publicada dende o after

Hai unha última vía. Confiar que todo cambiará algún día, dalgunha forma. Que as empresas deixaran de ser o máis importante para os gobernos e os traballadores recuperaran o protagonismo. Claro que para iso hai que cambiar unha cousiña, o de: bueno, meu, éche o que hai. 

Estaría ben cambiar iso. Máis que nada porque é o mesmo discurso de: é normal que rouben, se ti puideses habías facer o mesmo e se dis que non es un hipócrita, ou parvo. Se isto non se dá, terei que facer o mesmo que tantos outros. 

Marcho, que teño que marchar. 

Comentarios