xoves 02.04.2020

Mobilizacións no agro

As mobilizacións agrarias que se están a vivir no Estado español, están a descubrir a crúa realidade á que se ven sometidos a maioría dos produtores e produtoras da Unión Europea. Os baixos prezos que está a pagar a industria supoñen, en moitos casos, ter que producir a perdas.

O Ministerio de Agricultura vén de aprobar unha normativa que impide pagar por baixo dos custos de produción. A súa aplicación, de momento, non está a dar os resultados esperados. No campo galego, nestas datas, estase coa renovación de contratos lácteos e as propostas das industrias, na maioría dos casos, son inferiores aos custos de produción. Segundo diversos estudios do MAPA, falan dun custo de 32,5 céntimos de euro por litro.

Levamos varios acordos asignados nos últimos anos no sector lácteo estatal, o último foi o de 2015. Catro anos despois seguimos igual. Isto é, na Galiza seguimos a cobrar os prezos máis baixos do Estado, e dos máis baixos da Unión Europea, e as grandes áreas seguen a utilizar o leite como un produto reclamo.

Na cadea alimentaria, a industria non perde, só hai que ver as contas de beneficios que presentan anualmente, ao igual que a gran distribución. Os únicos que realmente padecemos os abusos somos os produtores e produtoras, que carecemos de mecanismos reguladores, que permitan fixar prezos que cubran os custos de produción.

Cada vez que se intenta regular esta situación, sempre aparece a Comisión Nacional do Mercado da Competencia, impedindo a fixación de prezos, co único argumento de que vai en contra do libre mercado.

Soamente a intervención pública é quen de pode frear os abusos dun modelo económico neoliberal, que non unicamente destrúe un modelo de produción, senón que tamén un modo de vida e a nosa propia cultura.

Este proceso de mobilizacións está a destapar unha serie de contradicións. Chama a atención a presenza dalgún Grande de España, caso do fillo da duquesa de Alba, que en varias ocasións se mostrou crítico coas axudas do PER, mais nunca defendeu unha modulación das axudas PAC que puxera límites por arriba. Curiosamente a Casa de Alba viña cobrando por máis de 25.000 hectáreas. Por outra parte, vimos unha manifestación de xornaleiros nunha sede da organización profesional ASAJA, ligada ao Partido Popular. Protesta que destapaba a negativa destes empresarios agrícolas a abonar o salario mínimo, acostumados a pagar salarios baixos e tendo os traballadores en pésimas condicións, hábitos herdados do que representan os señoritos andaluces.

As organizacións agrarias (OPAs) estatais están a participar activamente neste proceso mobilizador, onde se percibe que tamén existe un debate de fondo sobre a representatividade. O mapa sindical agrario a nivel estatal está representado por ASAJA, UPA (Unións Agrarias-Galiza), COAG (da que forma parte o SLG) e Unión de Uniones. A nivel do Estado soamente 4 comunidades autónomas convocan procesos electorais de forma regular, Castela-León, Cataluña, Estremadura e Madrid. A distribución da representación é a seguinte: ASAJA 35,6%; Unión de Uniones 33,3%; COAG 16,2% e UPA-Unións Agrarias 14,9%. Hai que resaltar que Unión de Uniones, coa cal FRUGA mantén contactos, foi creada en 2008 polo que non se lle recoñece  representatividade, non podendo participar nas mesas negociadoras nin no reparto de fondos. O novo goberno comprometeuse a revisar a actual representación, o que está a provocar certo malestar nas outras OPAS favorecidas co actual sistema de reparto. Na Galiza as últimas eleccións datan de 2002.

As mobilizacións do agro veñen pór de manifesto a crúa realidade do mundo rural. A desaparición das explotacións sen que haxa relevo, e o abandono da terra de cultivo, sobre todo na Galiza.

Seguir adiante coas mobilizacións é clave para intentar modificar certos aspectos da cadea alimentar. Os problemas do agro non se solucionan nin con baixos salarios, nin con condicións laborais inxustas, senón freando os abusos dos distintos axentes da cadea alimentar, e cunha intervención política que favoreza os procesos de negociación de prezos.

Mobilizacións no agro
comentarios