Opinión

O grupo lácteo galego

O importante potencial produtivo, que representa a produción de leite en Galiza, supón que actualmente sexamos a comunidade con maior número de explotacións leiteiras de todo o Estado, representando o 56% do total do Estado, liderando igualmente a cantidade producida, cun 31% do total. As ganderías galegas sometéronse nos últimos anos a un importante proceso de modernización, con relevantes innovacións tecnolóxicas e fortes investimentos tanto en maquinaria como en instalacións, aumentando igualmente o seu volume de produción. Todo isto ligado á aparición de novas modalidades de produción como é o caso do leite de pastoreo, que está servindo para que novas marcas teñan un importante prestixio no mercado.

Actualmente vólvese falar dunha vella reivindicación do nacionalismo galego no que respecta a comercialización do noso leite, que é o grupo lácteo galego. A día de hoxe, xa podemos observar como certas empresas, cunha longa traxectoria no país, están a demandar este grupo. Está claro que a comercialización non pode quedar en mans alleas, que ás veces soamente veñen comprar materia prima barata, aproveitando que os produtores galegos estamos á cola no que a prezos se refire. Como se o leite galego servise única e exclusivamente para mellorar os resultados empresariais de certas centrais leiteiras, a cambio de pagar os prezos máis baixos do Estado.

A fixación dun prezo mínimo, dun prezo sostíbel, soamente pode vir por dúas bandas, a través de acordos interprofesionais ou ben sendo as explotacións as propias subministradoras de leite os consumidores, sendo propietarias en última instancia das propias industrias transformadoras. A día de hoxe, comunidades autónomas do Estado español, con moito menor peso no sector leiteiro, gozan dos seus propios grupos lácteos, caso de Iparlat en Euskadi, Covap en Andalucia, Peñasanta en Asturias, e nos últimos anos a creación en Cataluña do grupo Lleit Nostre. Tendo en conta ademais toda unha serie de cooperativas transformadoras que están a facer o seu labor a nivel mundial, como pode ser o caso de Fonterra, unha empresa de Nova Zelandia, que coas súas poxas fixa boa parte dos prezos a nivel mundial, ou mesmamente Friesland

Campina cunha amplía recollida en varios estados europeos.

Actualmente só o 51% do leite galego se transforma no país, sendo ademais destinado na súa maior parte a fabricación de leite líquido. Outra parte importante da produción sae de Galiza en cisternas para ser transformado noutras zonas do estado, e a día de hoxe vemos como a industria galega aínda está lonxe de ter unhas liñas de produtos de alta gama que se caracterizan por deixar importantes ganancias en cada litro de leite transformado.

Ao longo dos últimos trinta anos, podemos observar como numerosos intentos de pór en marcha o gran grupo lácteo galego fracasaron. A finais dos 80 a crise da empresa Larsa abría unha porta á entrada das cooperativas lácteas galegas no seu capital, a Xunta de Galiza preferiu venderlla a un grupo francés, para despois pasar a formar parte da Central Leiteira Asturiana, empresa de base cooperativa. Nos anos 90 o grupo Leyma facíase coa central Complesa Ram de Lugo, para logo ser vendida a Puleva Granada, e acabar en mans do grupo Lactalís, que está a pagar prezos máis baixos en Galiza que no Estado francés, a súa sede central. E que dicir do fracaso de Alimentos Lácteos, unha operación que supuxo perdas para as explotacións leiteiras galegas como consecuencia do regueiro de débedas que deixou no agro galego.

Hoxe podemos observar como segue vivo o interese pola creación dese gran grupo lácteo galego. Poder gozar desta iniciativa suporía unha ilusión para a produción de leite no noso país e dende logo é un momento clave non só para o agro, senón para a economía galega que ten na produción de alimentos un dos seus activos principais de cara ao futuro. Con todo esta situación, á Xunta de Galiza correspóndelle liderar este proxecto e esperemos que teña o mesmo interese que tivo na creación doutras industrias do sector forestal. Acaban de presentar o Plan estratéxico do sector lácteo galego, hai que pasar á acción e para iso é preciso empezar a dar os primeiros pasos na posta en marcha desta iniciativa empresarial, aproveitando a existencia de procesos cooperativos comercializadoras e de certas industrias con base no país.

Comentarios