Opinión

Do anestesiante machismo

O ser humano, por natureza, é preguiceiro. Ou economiza esforzos, chámenlle como vexan. E no xornalismo, por nugalla, por rutina ou baixo a escusa da présa, recorremos en exceso á frase feita que nos apaña o texto: como ese marco sempre incomparable. Expresións automáticas gastadas de tanto usalas e que acaban valeiras de significado.

Un efecto narcótico que é unha das miñas teimas ao falar da violencia machista, que leva de seu —como ten que ser— a definición dunha forma de violencia estrutural contra as mulleres, pero que talvez, ao repetila como aprendemos os ríos, esvae o seu significado. Por estrutural, por normalizada, non pode deixar de arrepiarnos.

Hai uns días, compartín un café cun grupo de mulleres, algunhas nais da nova escola do meu fillo ás que viña de coñecer. E aínda descoñecidas, ao cabo duns minutos, agromaron as mesmas historias persoais que tantas veces teredes escoitado. "Agora estou no paro, choiaba nun restaurante, pero ao quedar embarazada xa non me renovaron", comentaba unha delas, lembrando as palabras do seu xefe cando lle suxeriu abortar para non perder o traballo despois da parvada de preñar.

"É que porque traballas na hostalaría, tes que oír de todo. Eu, un día, estaba atendendo un par de tíos e preguntáronme se estaba preñada, por se non me podían facer nada nos seguintes nove meses. Se mo chegan a dicir fóra…". Que familiar nos resulta esa rabia contida que lle anegaba a mirada, aínda que varias de nós apuntamos que se nolo din fóra, calamos e marchamos para evitar lerias, porque máis ou menos, todas nos recoñecemos naquelas frases. Todas pasamos medo.

En media hora escasa falamos sobre todas aquelas miserias que soportamos polo feito de ser mulleres. Esa é a estrutura. Escoitábaas e vía nelas a mesma vida da miña nai, das miñas avoas. Falaban da violencia recibida no traballo, polo empregador ou pola clientela; pola súa ex parella ata o punto de non saber se toleara como el lle dicía; da que sentira no hospital cando por unha neglixencia médica rematara abortando e nin sequera escoitara unha desculpa pola boca daquel médico.

Se lles pedise que puxesen un nome a aquilo que contaban, probablemente dixesen un lacónico "a vida é así". Se lles preguntase se consideraron que sufriron violencia sexual, acoso, violencia obstétrica, luz de gas, violencia de xénero, dirían que non. Porque como é lóxico, ninguén quere ser vítima, eu a primeira. Iso explica por que a Macroenquisa sobre Violencia de Xénero que vén de publicar o Ministerio de Igualdade sae cun titular tan estarrecedor como falso: unha de cada dúas mulleres din ser vítimas dalgún tipo de violencia por ser muller. Non coñezo unha soa muller que non sufrise algún tipo de violencia por ser muller: desde o mamón que che tocaba o cu ou os peitos na LP45 ata o xefe que saúda na oficina cun degradante "bos días ás persoas, e ás mulleres tamén".

As historias que compartían son a violencia estrutural que soportamos as mulleres polo feito de ser mulleres. Non eran labazadas, non eran violacións, non eran malleiras: son formas de violencia sostida no tempo que crea as condicións ideais para manter os privilexios masculinos e que serven de base para as expresións máis atroces da sociedade machista, como son os asasinatos ou as agresións sexuais.

Así que, cando penso na violencia de xénero como unha forma de violencia estrutural, penso en que, efectivamente, cada quen vai librando a súa batalla día a día, pero as mulleres libramos unha compartida, contra o machismo da sociedade. E aínda que nos sintamos moi empoderadas e pensemos canto avanzou o mundo, que pequeno é cada paso e que fráxil cada conquista.

Non esperta en min curiosidade ningunha un marco incomparable. Coidemos as historias e non deixemos que o seu uso as baleire nin nos anestesie, que esconda a dureza da violencia normalizada que día si, día tamén, soportamos aínda as mulleres. Como o exemplo das mulleres bravas que están criando os compañeiros e compañeiras de clase do meu fillo, porque a toma de conciencia destas inxustizas é o primeiro paso para educar en igualdade desde cada casa.

Comentarios