Opinión

‘Nación’ de Margarita Ledo

“Sobrepasar as cercas fainos nación”... Comezo este pequeno relato do filme de Margarita Ledo cunha frase que pon na boca da actriz Mónica Caamaño, case ao remate da proxección. Esta frase ben pode atarse con outra de cando rememoran a súa loita polo peche da fábrica de Pontesa, unhas das protagonistas mirando ao mar recordan o que dicía unha delas... “tardámosche ben en ser nación”...

Nación é un filme de mulleres, feito por unha muller que fica a súa ollada penetrante sobre un grupo de mulleres esgazadas pola realidade, coma a imaxe que representa o chan cuberto de louza esnaquizada.

A estas mulleres deulles voz e saben poñerlle nome á súa desigualdade, aos prexuízos de que son vítimas. Loitaran contra eles aínda que lles custe grandes renuncias, mais fican abraiadas diante da falla de solidariedade dos seus compañeiros, diante da falla de xustiza polos compromisos rotos, polo espolio inxustificado, pola agresividade da xustiza, pola impunidade dos grupos de poder...

Subxace na falla de solidariedade de clase ás mulleres da Pontesa, polos seus compañeiros, a loita de sexos, os privilexios adquiridos por ser homes. Non hai seguramente un pensamento analizado. No século XIX Mill aseguraba que a subordinación dun sexo a outro ademais de ser unha inxustiza era un dos obstáculos para o progreso da humanidade. Ninguén lles explicou isto en ningunha parte.

Este grupo de mulleres recorrerán un camiño longo e cheo de maleza, pero non cabe nas súas cabezas, volver atrás, recorrerano de tódolos xeitos e maneiras. A renuncia representaría admitir a normalidade de traballar sen cobrar, normalizar que son seres inferiores, sen outro valor que o que lles poida aportar un home, sexa pai, irmán, parella...

Un salario representa a liberdade, a autoestima, a dignidade e poder negarse a vivir caladas baixo o dominio do patriarcado que as oprimiu, que as usou como obxectos ao seu servizo e gozo desde a noite dos tempos.

“Todo o mundo calaba...” e elas tamén, que remedio.

Mónica Caamaño, sentada, coa fouce de rozar a bouza na man, despois de librar un carreiro polo que atravesa, di, “eu tamén calei”. Logo nomea unha por unha as mulleres que despois de perder o xuízo contra a liquidación de Pontesa foron castigadas, marcadas, abandonadas, encerradas, depuradas coma as mestras. “E a xente a rir”.

A beleza e a calma das paisaxes rompe coa música de auxilio de unha Mercedes Peón, espléndida, da loita nas manifestacións e polos berros de dor destas mulleres que vomitan a lama da que nos alimentaron durante séculos.

A realidade imponse pero nunca seremos as mesmas. Boa viaxe Galiza. Eva Veiga recolle as sombras da loita nas rochas.

Parabéns a Margarita Ledo por este impresionante filme, ogallá reciba os recoñecementos que merece: Pola súa mensaxe, pola beleza das imaxes e por ser un berro de loita e esperanza.

Comentarios