Opinión

Violencia familiar

No 2013 setenta e un menores foron "sancionados" por agredir a seus pais. No que levamos de 2014 van 42. En Verín, no caso da última muller agredida, até o momento, quen exerceu a violencia foi o seu fillo de trece anos. 

No 2013 setenta e un menores foron "sancionados" por agredir a seus pais. No que levamos de 2014 van 42. En Verín, no caso da última muller agredida, até o momento, quen exerceu a violencia foi o seu fillo de trece anos. A psicóloga Manuela del Palacio, responsable da sección educativa do Colexio de Psicoloxía de Galicia, afirma que, na violencia que exercen os menores, " el objetivo más común de la violencia es la madre porque la ven desprotegida y suele ser la que pasa más tiempo en casa" e "el hecho de callar puede provocar que se desate la cadena de miedo entre la victima y el agresor. A la vez eso aisla y hace a la víctima más pequeña frente a un agresor más fuerte." Que non comparta estas actitudes violentas ou iso de que a nai está desprotexida ou que non se denuncie por vergoña, non quere dicir que non vexa estas consecuencias como froito lóxico das premisas coas que se ordena esta sociedade. É certo o que din as persoas expertas neste tema: non debemos criminalizar os menores. Non. Debemos criminalizar á xente adulta que lles ofrecen estes referentes nos que espellarse e imitar. 

"Non debemos criminalizar os menores. Non. Debemos criminalizar á xente adulta que lles ofrecen estes referentes nos que espellarse e imitar". 

Se agora mesmo me convertese nun menor de trece anos o que vería ao meu redor, no día a día, sería unha nai que continúa levando o peso da educación, da casa, o traballo remunerado, as visitas ao médico, présa dos cánones estéticos que lle din cómo debería ser, encargada da alimentación, etc E, si! Négome a falar das excepcións porque non son maioría. Négome a vender unha realidade utópica cando, polas mañás, seguimos vendo as tendas de comestibles cheas de mulleres ou os patios dos colexios cunha procentaxe irrelevante de homes.

Se fose un menor que me quixese divertir collería un videxogo no que non hai mulleres (ou se as hai son simples obxetos), un libro no que os homes fan cousas sorprendentes e as mulleres nunca son protagonistas, unha película na que o home acaba por conseguir a moza que desexa (e, dito sexa de paso, está boísima pero fáltanlle unhas luces) ou, no caso de que prendese a tele, vería as noticias nas que as mulleres caen como paxaros porque levaron un tiro, alguén indeterminado lles fendeu a cabeza ou un coche as atropelou. Ou, quizais, porque me serían máis próximos en idade, vería cómo as violacións en grupo che permiten seguir coa túa vida só con argumentar que era consentida, que se deixas inconsciente a unha rapaza e non se nega podes practicar sexo tranquilamente ou... esaxero? Pois eu que son unha adulta cunha traxectoria vital, que me permite ter unha opinión formada, é o que leo e vexo todos e cada un dos días. Como esperamos que a rapazada (aínda no proceso de formación) non imite aquilo co que a bombardeamos desde todos os ámbitos?

"Se só ofrecemos obras cunha única visión serán os referentes que espallemos e continuaremos afianzando as estruturas desta sociedade que se desangra". 

Esta última pregunta formou parte dun debate que tiven coa responsable da biblioteca pública da miña zona. Nos estantes, de libros a partir de 14 anos, encontrábase un volume no que se argumentaba que as violacións son pracenteiras para as nenas de seis anos. Como me impresionou o tema fun á rede na procura das valoracións desta obra. Non me sorprendeu o resultado: homes, no 2014, contando o importante que tiña sido esta novela para entender o seu espertar sexual. E non esaxero: non había comentarios feitos por mulleres. A bibliotecaria respondeu que, certamente, as bibliotecas tamén son creadoras de referentes para as e os adolescentes pero que ela tiña as mans atadas porque as indicacións de compra que ten ( e que veñen de "arriba") son con preferencia "novela, en español e con demanda". De aí que esta novela, do autor de Bambi e publicada (e reeditada) na colección La Sonrisa Vertical, fose mercada, igual que a obra do Marqués de Sade,  sen ningún tipo de censura. ( E xa estamos confundido o touciño coa velocidade...!) Acensura (tan castiza ella!) non se trata de ocultar e queimar libros senón, tamén, sesgar os procesos de adquisicón e, polo tanto, nos de disposición ao público. Se só ofrecemos obras cunha única visión serán os referentes que espallemos e continuaremos afianzando as estruturas desta sociedade que se desangra. Se, ese menor de catorce anos, só le Cincuenta sombras de Grey (por moita novela, en español e con demanda que sexa) medrará crendo que as mulleres só somos simples obxetos de gozo para o home. E cando se lle vaia a man golpeando unha rapaza que facemos? Criminalizamos o rapaz por imitar unha actitude que nós, a xente maior, puxemos ao seu dispor? Por seguir uns referentes que estaban aceptados e difundidos polo estante das novidades?

Unha hora e media ( que non todo o mundo ten porque o noso ritmo diario impídenos pararnos con estas cousas...) despois de comezar esta conversa saín da biblioteca. Na man levaba un novo impreso no que, a bibliotecaria, me pediu que puxese os títulos de obras con perspectiva de xénero para entrar no proceso de selección para a súa adquisición. Desta vez, teño a posibilidade de suxerir, e non de reclamar, porque o mundo tamén precisa dos pequenos xestos do día a día; porque as bibliotecas, e a educación, tamén son un punto de apoio na creación de novos referentes nos que as nais e as mulleres non están desprotexidas nin calan, por vergoña, ante unha agresión. Uns referentes nos que a víctima non é máis pequena nin o agresor máis forte.

Comentarios