Opinión

Actualidade e literatura. Protagonistas femininas na obra de María Reimóndez

Leo, nunha revista, que a xornalista Jenny Nordberg publicará en setembro o seu libro The Underground Girls of Kabul (Random House). Trátase dunha crónica sobre as Bacha Posh, mulleres que, tanto en Afganistán como en Pakistán, se visten de homes.

Leo, nunha revista, que a xornalista Jenny Nordberg publicará en setembro o seu libro The Underground Girls of Kabul (Random House). Trátase dunha crónica sobre as Bacha Posh, mulleres que, tanto en Afganistán como en Pakistán, se visten de homes. Esta práctica cultural, amplamente aceptada, só se leva a cabo até que teñen 16 anos. Nese momento, as mulleres visten o burca e son excluídas do traballo, a educación e son ofrecidas en matrimonio. Desgrazadamente, achegueime ao traballo da reporteira sueca Jenny Nordberg despois de ler o informe The silencing crime: Sexual violence and journalists, no que denuncia como foi atacada sexualmente. Pecho as páxinas da revista, cos seus países afastados, as mulleres sen nome, as xornalistas, en guerras distantes, e abro un xornal galego. É curioso. Si. Curioso que as mulleres sen nome morren acoiteladas (morren, non as matan), nenas secuestradas por un pedófilo,  recomendacións para as mulleres, por parte do Ministerio de Interior, nas que se nos recomenda colgar un cencerro do pescozo para evitar ser violadas... E non falo de Pakistán, Afganistán ou Suecia. Aquí. Agora. Setembro 2014. E os versos de María Reimóndez resoan, na cabeza, cada vez con máis forza:

"Curioso que as mulleres sen nome morren acoiteladas (morren, non as matan), nenas secuestradas por un pedófilo,  recomendacións para as mulleres, por parte do Ministerio de Interior, nas que se nos recomenda colgar un cencerro do pescozo para evitar ser violadas..." 

                  Corpos golpeados,
                  corpos violados,
                  corpos acosados
                  corpos sen cara
                  e sen nome.
                  Mais temos cara
                  e nomes
                  e latéxanos
                  o corazón no peito
                  a cada unha de nós.
                  Habédelo ver.1

E temos voz. Unha voz na que “a lingua é un ser vivo e está vivo nas bocas cando falamos e nos nosos cerebros cando pensamos” 2 Unha voz coa que, como di Madame Ébano3, “contar historias, imaxinar outros mundos posibles é o primeiro paso para que existan”. Dar voz, visibilidade e referentes. A alternativa está aquí4. Aquí. Agora. Setembro 2014. E, iso é o que escribe María Reimóndez: voces de muller con nome e alternativas. Alba, Lela, Mary Read, Anne Bonney, Lía, Usha, Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz, Deli... Mulleres que retratan as inxustizas, as desigualdades, a invisibilidade, a solidariedade, a paixón, o sentir, as dores e as alegrías, o medo e a coraxe,... Desde o ensaio, a narrativa, a poesía, a crítica literaria,o teatro ou a traducción. "Creo na literatura como ferramenta de transformación social que apele á reflexión"5, afirma María Reimóndez e así o reflecte en calquera xénero.  A transformación social e a reflexión van da man nos textos da autora. Literatura que non nos deixa indiferentes e que nos obriga a pensar. A decatarnos que somos responsables desta sociedade. 
Aquí. Agora. Setembro 2014. Abro, cada día, o xornal para seguir, impaciente, os ires e vires de Deli6 no mundo da corrupción, abusos sexuais, etc, non moi lonxe da realidade, mentres agardo a chegada da xornalista Saínza Combarro, a protagonista de Dende o conflicto7. Un texto que é, en palabras do xurado do Premio Xerais, unha “novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre os afectos, sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que ao final son as realmente importantes na vida”8 E fala desde o aquí, o agora e en galego.

1.Reimóndez, M., Moda galega, ed. Positivas, 2002,p. 69.
2.idem, O monstro das palabras, ed. Xerais, 2009,p.112.
3.idem, Pirata, ed. Xerais, 2009
4.idem, A alternativa está aquí, ed. Xerais,2014.
5.en http://galego.farodevigo.es/sociedad-cultura/2014/06/08/creo-literatura-herramienta-cambio-social/1038523.html
6.idem, A dúbida, http://www.lavozdegalicia.es/temas/novela-por-entregas, 2014
7.idem, Dende o conflicto, ed. Xerais, no prelo.
8.en http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/maria-reimondez-ledicia-costas-eduardo-santiago-ganadores-xerais/20140607185440028093.html

comentarios