Opinión

Ensaiando a cegueira tras dous mil e 21 anos de perdón

Todo é cuestión de ópticas. Este marzo de 2021 foi convulso. E non porque chegara a primavera, que sempre o fai, haxa ou non pandemia... aínda se me pon a pel de galiña cando lembro a súa chegada en 2020, tímida pero intensa, mentres nós a sentiamos detrás das fiestras e dos balcóns... Este ano non pían os paxaros coa mesma intensidade, nin sequera nos paramos a escoitalos, e como eles, como esas aves que non miramos pero que seguen voando por riba do skyline foron caladas as mulleres neste mes de marzo. Piaron pero non quixeron escoitalas pola rúa. Falo do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, ¿para cando un día do home? Que din algúns deses que din que nos entenden... Falo dese día no que as reivindicacións por unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes sexa real e que a nós, tamén, fiquemos sen a onomástica.

Este 8 de marzo foi o primeiro tras as marchas feministas de 2020, esas culpables de que chegara o coronavirus a España. Un oito de marzo de 2021 no que “puidestes falar”, din moitos, “puidestes reivindicar doutra forma” din outros tantos... e tantas. Si, é certo, puidemos, e podemos, igual que o facemos todos os días nas microhistorias cotiás, e tanto que o facemos, pero xa cansa. Acaso eu lle digo como ten que reivindicar o que é seu a un traballador de Alcoa? Avísolle eu a un empregado de Ence que non veña en caravana ata o centro da cidade da Coruña? Fálolle eu de prevención sanitaria a un funcionario de prisións para que non se concentre na praza de María Pita. Todos o fixeron. Por que, entón, cando as plataformas feministas falan de saír á rúa o 8 de marzo comezan a xurdir negacións, críticas, recomendacións, o pai de todos os sentidiños, e que claro, nun ano de pandemia como que mellor non saír á rúa... pero veña, xa cansa. É que mulleriña, como mellor se reivindica é dende a casa, dende as redes, se é que as tes... señor traballador do aluminio, que lle están quitando o pan da súa familia, como mellor se cambia o mundo é educando... Señor traballador da celulosa, non veña en procesión percorrendo Galicia de sur a norte, que o mellor é loitar nos despachos... señor funcionario de prisións, cando chegue á súa casa co uniforme cheo de sangue debido a unha pelexa cun preso que acaba de deixar cego dun ollo a un compañeiro, un delincuente que non lle paga a pena portarse ben porque non é vostede un axente da autoridade, pense que a loita é de todos, por un mundo mellor, sen cárceres... Muller, non saias á rúa para visibilizar que a violencia machista existe, non saias, e ti, que tivestes que convivir co teu agresor sen poder saír da casa no estado de alarma, non saias, xa pasou, nena.

Muller, non berres nunha praza que existen teitos de cristal e, aínda que hai moitas que xa os rachan, facelo é aínda máis difícil para nós. Muller, non fai falla que poñas unha pancarta para recordar que es e fostes, mais se cabe, coidadora de nenos e maiores e por iso se che alongan as xornadas laborais ata o amencer, se é que a pandemia che permitiu manter o traballo fóra de casa.

Si, xa cansa que nos teñan que dar a alternativa, como aos toureiros. Sabes que pasa? Que infecta máis o machismo que a Covid-19. Que levamos loitando contra esta pandemia durante anos e aínda non hai vacina. Sabes por que? Porque aínda hai quen non se dá conta de que este problema é universal. Non só das mulleres, e algunhas, elas tamén, seguen infectadas. A desigualdade non quita o gusto e o olfacto. O machismo o que provoca é cegueira. Por iso é cuestión e ópticas. Ou o ves ou non o ves.

Este mes tamén celebramos o día do pai. Pedindo perdón por recoñecer que hai algúns que non se merecen o título. O perdón, outro dos síntomas. Este mes dúas mulleres saíron nas portadas pola vicepresidencia segunda do Goberno. Moitos só se fixaron no seu outfit. Outros na “femipelexa” interna que deberían ter entre elas, porque claro, xa saben iso de que dúas mulleres mandando... tela... vaia carácter... eles teñen paixón e liderado, nós “carácter”. Dúas galegas, por certo. Dúas coruñesas, da Coruña e de Ferrol, cuestión de ópticas. En hora boa ás dúas neste camiño de cegueira e de perdón.

Comentarios