mércores 19.02.2020

Un entre un millón

Hai algo máis de dúas décadas naceu no antigo hospital de Santiago unha nena moi enferma; un grave defecto xenético pronosticaba a súa morte ás poucas horas.

Hai algo máis de dúas décadas naceu no antigo hospital de Santiago unha nena moi enferma; un grave defecto xenético pronosticaba a súa morte ás poucas horas. Pero como a medicina non é unha ciencia exacta, a neonata viviu case tres meses; tocoulle ser un deses casos de un entre un millón e un deses que, ademais, desafían ao coñecemento médico e contradín o pronóstico. Os pais da rapaza tiveron a súa filla ingresada na UCI neonatal tanto tempo que para eles aquelo case se converteu na sua segunda casa, ata que chegou o inevitable final. O pediatra da cativa díxolles “tivéchedes sorte, se a vosa filla nacese nos EEUU, estaríades hipotecados de por vida; ningún seguro cobre este tipo de casos”. O bebé foi miña irmá. Un día na UCI neonatal pode custar sobre 2.000-3.000€ e sen un Sistema Nacional de Saúde forte e público probablemente a miña familia estaría arruínada. Ese un entre un millón podemos ser calquera de nós.

"Este verán tiven ocasión de facer prácticas no Mount Sinai de NY e de comprobar ata que punto as decisións médicas e quirúrxicas están mediatizadas pola relación custo-beneficio"

Anos máis tarde, unha rapaza sofreu unha enfermidade terrible, anorexia nerviosa. De novo, a rapaza tivo sorte porque no CHUS, traballaba un dos pediatras españois máis expertos no tratamento dos desordes alimentarios. A rapaza era eu e de novo tiven sorte porque o SNS acubilloume e ofreceume un servizo de altísima calidade sen o cal eu non sería eu hoxe. Canto lle debemos ao Dr J. L. I. as (ex)anoréxicas galegas. Este home foi obrigado a xubilarse hai un par de anos pola xerencia do CHUS. Ten hoxe unha consulta privada na que as persoas que poden, benefícianse dos seus coñecementos; polo visto á sanidade pública sobrábanlle este tipo de profesionais. Esta é a miña historia, pero crédeme, podería ser a de calquera de nós.

Agora estudo medicina. No 2014 estiven nun hospital privado indio no que tratei algún paciente que tivera que vender a súa casa para financiar o tratamento quirúrxico. Este verán tiven ocasión de facer prácticas no Mount Sinai de NY e de comprobar ata que punto as decisións médicas e quirúrxicas están mediatizadas pola relación custo-beneficio e como hai pacientes “de primeira” e pacientes “de segunda” en función do seu seguro médico. Ese é o modelo ao que nos diriximos se non mudamos a política sanitaria do PP: remataremos na lóxica da sanidade coma negocio, onde os pacientes crónicos, os complicados, os maiores, os inmigrantes irán tendo cada vez menos e menos cabida. 

"Estes días fálase moito do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. No medio de toda a polémica, resulta esperanzador ver como a cidadanía se mobiliza por algo que ten en moi alta estima"

Con toda a autocrítica que se deba facer na xestión do SNS, eu son cada día máis incondicional do valor que supón a Sanidade Pública. Ela é o único garante de que todos os pacientes serán tratados igual. Ela é a que nos dá a tranquilidade de que se enfermamos seremos atendidas non importa a nosa conta bancaria, a nosa idade, a nosa enfermidade nin a nosa orixe (espero). A Sanidade Pública é unha conquista social: a súa defensa esíxennos unha tensión permanente a todos, políticos, profesionais e tamén pacientes. Non é algo que poidamos tomar por garantido, pois estamos a ver todos os días como a fan esmorecer (o gasto sanitario galego baixou en 460 millóns de € en catro anos). Estes días fálase moito do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. No medio de toda a polémica, resulta esperanzador ver como a cidadanía se mobiliza por algo que ten en moi alta estima. A Sanidade Pública é un patrimonio que todos sentimos como propio, un patrimonio ao que non queremos renunciar, porque todas e todos acabamos facendo uso del. Señores gobernantes, non se poñan á defensiva, e lean no conflicto do hospital vigués a mensaxe que lles está a lanzar a cidadanía: pregúntense canto tempo máis poderán continuar recortando os dereitos sanitarios das galegas e galegos sen que iso lles pase factura.
 

Un entre un millón
comentarios