Opinión

A era do matriarcado: trascendendo a igualdade

Toda organización social, para se desenvolver, precisa dun mecanismo básico de control: o exercicio da autoridade, que non é outra cousa que a manifestación do poder de xeito consensuado. Quen controla os medios de produción é quen exerce a autoridade.

Toda organización social, para se desenvolver, precisa dun mecanismo básico de control: o exercicio da autoridade, que non é outra cousa que a manifestación do poder de xeito consensuado. Quen controla os medios de produción é quen exerce a autoridade. E non hai dúbida de que desde que a humanidade descubriu a agricultura os medios de produción ficaron en mans dos homes. A agricultura supuxo un gran avance evolutivo, mais para abrir sucos na terra e converter os montes en leiras precísase moita forza física. Foi entón cando abrollou na mente masculina a idea de dominar o mundo enteiro, incluídas as mulleres. O resto xa é historia, historia de guerras, de masacres, de miserias, de loitas continuas e de escravitude feminina. Pero non sempre foi así. A revolución agrícola está datada aproximadamente hai nove mil anos. Pero a especie humana xa levaba máis dun millón de anos de evolución, e se sobreviviu durante ese millón de anos foi grazas ao esforzo das mulleres. Os homes querían ser cazadores, pero cazar un mamut con paus e pedras non debía resultar tan doado como queren facernos crer. As máis das veces os cazadores ficaban coas mans baleiras e dependían das mulleres, que eran as que recollían os froitos e coidaban as crías, para sobrevivir. Eran as mulleres as que controlaban os medios de produción e as que tomaban as decisións importantes, tamén as que atinxían ao seu corpo. É lóxico pensar que non había parellas e a muller decidía cando e con quen se aparellaba. Aos homes nos lles quedaba outra que ficar submisos perante as decisións das mulleres. Polo tanto resulta rotundamente falsa, e absolutamente machista, esa imaxe do home das cavernas arrastrando unha muller polo pelo. A realidade era ben outra.

"Constatado xa o fracaso do patriarcado como modelo social, a única esperanza que lle queda a humanidade é o rexurdimento dunha era do matriarcado". 

É un exemplo máis de todos eses dogmas de supremacía masculina que os homes se preocuparon de preservar ao longo dos tempos. Así, todos os libros supostamente sagrados nos que se basean todas as relixións cantas no mundo hai, foron escritos por homes no seu propio beneficio e, descaradamente, en contra das mulleres, ás que se chega a considerar como auténticas escravas, senón como simples animais. O grave é que ese é o ideario que temos gravado a lume no subconsciente. E mentres ese ideario non cambie na mente humana seguirá habendo homes que asasinen mulleres por “amor” (mateina porque era miña) ou por “desamor” (mateina porque non quería ser miña), e seguirá a haber mulleres que fiquen encadeadas emocionalmente ao seu asasino (“no fundo ten un gran corazón”. Un xigantesco corazón de asasino, pero corazón, ao fin).

Unha vez transcendida a sociedade agrícola, é tempo xa de transcender tamén o patriarcado. A situación económico-político-social está pedindo a berros, dende hai ben de tempo, un cambio de paradigma. E o cambio non virá da man da revolución do proletariado, nin das xuventudes insubmisas, nin das loitas armadas, nin da transformación do modelo económico. O único cambio posible, o único cambio que nos ha de liberar desta agonía existencial que padecemos, é o rexurdimento do matriarcado. As mulleres deben recuperar o control dos medios de produción para poder exercer as funcións de autoridade que por natureza lles corresponden. Non estou a falar de igualdade, senón de transcender a igualdade, de superar a igualdade. Constatado xa o fracaso do patriarcado como modelo social, a única esperanza que lle queda a humanidade é o rexurdimento dunha era do matriarcado. 
 

Comentarios