Opinión

Xustiza e reparación

[Alberte Mera]

Fíxose xustiza. Onte Polonia acolleu unha cerimonia de restitución en que o Museo e a Deputación pontevedresas entregaron ao Goberno polaco o díptico do Ecce Homo e da Dolorosa que foran espoliados polos nazis e que as dúas institucións pontevedresas devolveron ao coñecer a súa orixe.

 Xustiza e reparación dun espolio patrimonial e artístico efectuado por nazis e fascistas en Europa que, na nosa terra, aínda fica en gran medida pendente. A Casa Cornide na Coruña, en mans na actualidade da familia Franco, é un dos expoñentes da restitución non realizada ao pobo galego.

Ou cuestións que claman o ceo en comparación con Polonia ou Alemaña: o mantemento de simboloxía franquista aínda hoxe exposta publicamente en rúas e edificios públicos da Galiza. Hai menos dunha semana que o colectivo de presas e presos políticos de Ferrol durante a ditadura remitiu ao Goberno municipal desa cidade unha petición para retirar os 45 símbolos franquistas que teñen identificados e que aínda seguen presentes no municipio: 16 esculturas, placas e escudos; catro nomes de rúas dedicadas a franquistas e 25 honras e distincións.

Privilexios dunha elite que ten a súa orixe no golpismo e na matanza e que nunca deu contas do que fixo porque, a diferenza de Polonia ou Alemaña, aquí non houbo ruptura co fascismo senón "reconversión".

Comentarios