Opinión

#Sermos236: Xuízo a Catalunya

Non hai razóns xurídicas de peso que sustenten os distintos procesos abertos contra dirixentes soberanistas catalás, desde o ex president Artur Mas até o portavoz do Partit Demòcrata Europeu Català no Congreso, Francesc Homs, pasando pola presidenta do Parlament, Carme Forcadell. Só hai razóns políticas e do pior xénero, as que teñen a ver coa política autoritaria e antidemocrática que se ten seguido historicamente no estado español, sen importar quen gobernase en Madrid, contra a diversidade nacional e o dereito dos pobos á súa libre determinación.

O xuízo ao soberanismo catalán interpélanos a todas e a todos, tamén ás galegas e aos galegos, na nosa condición de cidadás e cidadáns. Que a resposta a un exercicio democrático elemental, realizar unha consulta participativa, sexa empregar o poder xudicial como arma arreboladiza mostra até que ponto o Estado español non cumpre os mínimos estándares de calidade. Está máis perto de Turquía do que do Reino Unido.

Asombra nesta conxuntura que Pablo Iglesias apele ao referendo pactado. Pactado con quen? Coa forza política que, desde a Moncloa, manipula o poder xudicial contra os anceios da inmensa maioría do pobo catalán?

Comentarios