Opinión

Xogar cos impostos

[Alberte Mera]

Volve estar en auxe o debate sobre a necesidade de rebaixar as cargas impositivas, tendo en conta que a inflación na Galiza supera 10%, dato inédito en 37 anos. Mais alén da urxencia económica que afecta as maiorías sociais e da necesidade de fortalecer salarios e servizos públicos contra o empobrecemento, a cuestión dos impostos adoita quedar nun xogo de anuncios e titulares.

Feixoo saíu onte á palestra a demandar a baixada do IRPF, unha redución que na Galiza non fixo no tramo galego. Recorda isto que hai apenas uns meses, cando Feixoo presentou o borrador dos Orzamentos da Xunta para 2022, anunciou un novo tramo do IRPF para as rendas máis altas (de 22,5% a 23,5% da cotización no tramo autonómico para as rendas que superasen os 100.000 euros.). Soaba ben, e soou ben nos titulares. Ora ben, o que non tivo tanto percorrido mediático foi o que aconteceu despois: escasas semanas após ese anuncio, a chamada lei de acompañamento, aprobada no Parlamento polo PP, tombou, cunha emenda do propio PP o anuncio que fixera Feixoo na presentación dos orzamentos sobre a suba do IRPF ás rendas altas. Todo ficou como estaba. Historia de titulares e anuncios para non tocar as grandes fortunas e para que as crises recaian nas maiorías.

Comentarios