Opinión

Un xigantesco muíño no mar

[Alberte Mera]

O ano que vimos de rematar foi un dos máis quentes desde que hai rexistros. Dío a Organización Meteorolóxica Mundial, que sitúa os últimos sete anos como os perores en canto a temperaturas medias globais. A axencia da ONU remarcou que este quecemento con-tinúa debido ás cifras récord de gases de efecto invernadoiro provocados polas actividades humanas, en concreto, polo emprego de combustíbeis fósiles: carbón, petróleo e gas.

Só un negacionista da crise climática podería negarse, valla a redundancia, a apostar nas enerxías renovábeis como camiño de futuro para evitar a extinción do ser humano, conservar o planeta e as especies que nel habitan. Porén, o auxe das chamadas enerxías verdes non pode implicar un espolio máis na longa lista de espolios da Galiza. Para alén de a Xunta e o Estado favoreceren a expansión desordenada de parques eólicos nos montes galegos, unha outra empresa vén de apuntarse para facer negocio a costa de estragar a terra e o mar do país.

Así, algo que en principio sería un proxecto de enerxía sustentábel deixa de ser un proxecto sostíbel. Trátase do proxecto de Bluefloat Energy e Sener Renewable Investments para instalar o parque eólico mariño máis grande do Estado. O proxecto, presentado no Ministerio, pretende erguer 80 xigantescos muíños nun parque de 268 qm2 diante da costa de Ferol e A Coruña. Eólica, así non.

Comentarios