Opinión

Votar en xullo

Falar é unha característica da que os seres humanos estamos moi orgullosos. Falar coa oposición é unha prerrogativa de quen preside un Goberno, prerrogativa da que fai uso como mellor lle convén e en función dos seus intereses en cada momento. Falar é falar e non leva aparellado escoitar, iso é outra cousa. Pódese falar e non escoitar nada. E iso é o que vai facer Feixóo. Falar. Falar coa oposición cando xa ten decidido que vai convocar eleicións en xullo. Mellor dito, en tres días de xullo, os únicos posíbeis. O 12, coincidindo co 120 aniversario do nacemento de Manuel Antonio; o 19, coincidindo co 31 aniversario da morte de Xaquín Lorenzo ou o 26, no 67 aniversario do inicio da revolución cubana. A Feixoo non lle importa o calendario. Non ten medo del. Mais é conveniente definir o ponto de vista da convocatoria para ter claro o sentido do voto. Vangardista, ao estilo do manifesto Máis alá? Cun enfoque máis etnográfico? Ou nun sentido que condene a privatización de servizos públicos, a dependencia do Estado e poña en valor a presenza da Galiza, lingua e cultura incluídas? En xullo imos votar. Vangarda? Etnografía? Mudanza? Veremos.

Comentarios