Opinión

Volva vostede... en setembro

[María Obelleiro]

Todo pode ir sempre a peor. Reparemos na situación que padece a sanidade pública. As Urxencias dos hospitais atópanse desbordadas até o punto de pedir as súas xerencias que non se acuda por "cadros leves" para mitigar o colapso. Aconteceu en Montecelo (Pontevedra) e repítese en Compostela e na Coruña. Non estraña vendo que a Atención Primaria está, na práctica, desmantelada, con falta de profesionais debido a anos de recortes, á decisión da Xunta da Galiza de non cubrir as baixas, permisos e vacacións. Á súa vez, médicas e médicos de familia soportan listaxes diarias de pacientes que resultan inasumíbeis.

Non se trata dun episodio puntual, como ten apuntado o presidente da Xunta, a situación de colapso é xa estrutural. Ademais, os problemas tamén se están a estender á Pediatría -con concellos sen atención durante máis dun mes- e ás consultas de control de embarazos. O Goberno galego, coas competencias transferidas e á fronte do cal se atopa un partido que nos últimos anos se caracterizou polas profundas tesoiradas á sanidade pública, pon a pelota no tellado do estatal, responsábel da convocatoria dos exames MIR. E, mentres, asistimos á agonía dun sistema que mesmo deixa bebés acabados de nacer sen a primeira revisión pediátrica até o mes de setembro.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios