Opinión

Voltou Rueda

[María Obelleiro]

Tras uns días desaparecido, volvemos ver o presidente da Xunta. Folga dicir que merece vacacións e descanso, como todo o mundo, mais, como apuntabamos onte, non é de recibo que ningunha conselleira ou conselleiro se dignase a visitar os lugares máis afectados polo temporal de chuvia que azoutou a Galiza a pasada fin de semana.

Rueda volveu. Fíxoo onte, mais non para interesarse polos danos que sufriron familias galegas afectadas, senón para acudir á Pascua Militar. Un acto rancio no cal o xeneral Juan Francisco Arrazola ostentou a representación do rei español. O monarca, desde Madrid, ofreceu un discurso que dista de todo pacifismo e que evidencia o modelo de Estado que quere e a quen representa. De feito, fixo fincapé na necesidade de gastar máis fondos públicos en materia de defensa e aplaudiu o incremento da partida dedicada ao Ministerio de Defensa nos orzamentos estatais de 2023. Pola súa parte, a ministra Margarita Robles non ficou atrás. Ela salientou que gastar en defensa equivale a gastar en paz. De feito, pretende que en 2009, a partida destinada ao seu Ministerio represente o 3,2% do PIB. Que mellor nos iría a todas e a todos se os esforzos se puxesen na vía diplomática e non en bombas!

Comentarios