Opinión

Vivir nos limbos

[María Obelleiro]

Perto de 10.000 persoas atópanse nun limbo. Son solicitantes das axudas á dependencia mais non aparecen en estatística ningunha. Denunciouno onte no Parlamento o PSdeG, que advertiu de que a Galiza sitúase á cabeza do Estado español en solicitudes de prestacións á dependencia que non foron gravadas, co cal, non aparecen en listaxe ningunha. En lugar de facer dos servizos sociais unha prioridade nun lugar cunha poboación fortemente envellecida e cunha crise socioeconómica como a que estamos a vivir, o Goberno de Feixoo mantén milleiros de persoas nun non-lugar durante máis de 400 días, pois as galegas e galegos agardan máis dun ano pola resolución da axuda á dependencia. Unha cifra desproporcionada, sobre todo se temos en conta que a lexislación estabelece un máximo de seis meses para o programa individual de atención e para que se determine o grao de dependencia.

Os exercicios de enxeñaría numérica son unha constante na Xunta da Galiza, que tamén maquilla as listaxes de agarda da sanidade pública. Se a vostede, que se atopa á espera dunha intervención cirúrxica, lle ofrecen operarse nun centro privado e o rexeita, pasa a formar parte da denominada lista de espera non estrutural, ese limbo onde a lei non asigna ningún tempo máximo de agarda. E aí queda!

Comentarios