Opinión

Virus provinciano

[Xoán Costa]

Desde que a COVID-19 comezou, díxose, desde o Goberno do Estado ao Goberno galego, que este ser non entendía de fronteiras nin límites territoriais. Con tal aseveración estábase afirmando a centralización das decisións sobre o control do andazo, e ao tempo, rexeitando a posibilidade de fechar certos territorios do Estado. Pasada a primeira cuarentena, múdase o argumento e comezan a se lle pór fronteiras ao virus, unhas fronteiras que se procuran nos vellos mapas de división territorial estabelecidos por Francisco Javier de Burgos en 1833. Os caducos e imprecisos limites provinciais serán agora un forte valo contra o coronavirus. A provincia, como entidade "para o cumprimento das actividades do Estado", como reza o artigo 141 da Constitución. Fronte a esa decisión do Estado o presidente Feixoo reacciona, non asumindo as competencias que se supón ten para gobernar a Galiza, senón fixando novas fronteiras contra un virus que hai uns días non entendía de fronteiras: a unidade de desconfinamento será a área sanitaria. É pavero.

Comentarios