Opinión

Violencia machista: a responsabilidade dos poderes públicos

Non pode ser que, en materia de violencia machista, nos afagamos a cifras tan estarrecedoras como as rexistadas en 2015

Non pode ser que, en materia de violencia machista, nos afagamos a cifras tan estarrecedoras como as rexistadas en 2015 sen que avaliemos as responsabilidades dos poderes públicos. Nos últimos doce meses, 7 mulleres foron asasinadas na Galiza polo simples feito de seren mulleres. O número de denuncias apresentadas é brutal: entre xaneiro e setembro, foron formuladas un total de 3.956. Estamos ante un problema social de primeirísima orde e que, infelizmente, apenas ocupa espazo no debate público. A política ten que se envolver moito máis no combate contra o que poderíamos cualificar como terrorismo machista, un fenómeno moi complexo que ten a ver con estruturas de dominación seculares, en último termo, coa existencia do patriarcado. 

A falta de dilixencia dos poderes públicos é gravísima porque se traduce en mortes de mulleres nos casos límite e na tortura

Se ollarmos para a recente campaña electoral veremos que apenas se puxo o foco sobre este asunto. Os meios de comunicación temos tamén a nosa responsabilidade e desde logo Sermos Galiza tenta estar á altura cun xornalismo de denuncia da situación de desprotección en que se achan as mulleres fronte á violencia machista. Neste último número publicamos unha reportaxe de Olalla Rodil ben ilustrativa a este respecto. Recolle o testemuño de Alejandro Gómez Aragón, especialista en violencia de xénero do Sindicato Unificado de Policía. Afirma que en Vigo a ratio axente policía/vítimas é de 1/90 cando a normativa legal establece 1/10. A descoordinación e a falta de comunicación entre as institucións é a nota predominante e indicativa de como funcionan as entidades públicas no combate contra o terror machista. A falta de dilixencia dos poderes públicos é gravísima porque se traduce en mortes de mulleres nos casos límite e na tortura, física e psicolóxica, de millares de vítimas que en moitos casos nin sequera atopan amparo suficiente para daren o paso de apresentaren denuncia.

É moito hora de que este asunto pase a ser central na axenda política. É moito hora de reclamarmos con firmeza aos gobernos estatal e galego que revisen a súa política contra a violencia machista e fixen como prioridade a protección das mulleres.

Comentarios