Opinión

As vidas negras importan

[Alberte Mera]

Común temos a patria, común a loita, ambos. A miña mau che dou, coma un irmáu che falo. Os versos de Celso Emilio, anos despois, continúan de maior actualidade, se cabe, ca nunca. 'As vidas negras importan', reclamaron centos de galegas e galegos onte en vilas e cidades da Galiza que se concentraron para amosar a súa solidariedade coas familias das, polo menos, 37 persoas falecidas na fronteira entre Marrocos e Melilla ao seren masacradas, persoas que, como se denunciou, están a ser enterradas en Nador sen que se lles realice autopsia, o que dificultaría a investigación das mortes que ONG e entidades sociais e políticas están a reclamar. Devolucións “en quente”, deshumanización, está claro que para as autoridades que así operan as vidas negras nin importan nin consideran que este tipo de resposta violenta lles pase factura nas urnas.

E mentres o drama humanitario crece no Mediterráneo (24.234 mortes nos últimos oito anos) tanto o rei de España como o Goberno estatal aproveitaron a cimeira da OTAN desta semana en Madrid para dicirlle á alianza militar que a fronteira sur de Europa (en concreto, a do Estado español) é unha porta de ameazas. Ameaza é a que percorre o mundo cando mira unicamente o seu embigo e esquece o valor da solidariedade.

Comentarios