Opinión

Vexo, vexo, desleixo

[Alberte Mera]

Tina Calixtina é a personaxe que protagoniza o novo videoxogo da Xunta para difundir o Camiño de Santiago no alumnado dos centros escolares galegos. O xogo leva por título 'Vexo, Veo, Xacobeo', todo un "intelectual" xogo de palabras para "harmonizar" o galego e o castelán. Á directora de Turismo Nava Castro non se lle ocorreu mellor idea que acudir onte aos centros de ensino cun lema tan absurdo como desprestixiador do galego. A nova campaña recorda aquela, tamén da Xunta, co pronome errado 'Cómete o mar' que dera para moitos xogos gráficos e memes de persoas engulindo as ondas do mar. Ou outra aberración gráfica e lingüística da Xunta, a do selo de leite 'galega', palabra sobre a que, 'casualmente', cae un chorro de leite debuxando 'sutilmente' outro L, dando por resultado: 'gaLLega'.

Vexo, vexo, desleixo pola lingua. Desleixo de quen nos goberna cando fala galego con múltiples erros, un "luxo", por dicilo de algunha maneira, que non se atreverían a facer falando en español, porque serían desautorizados polos medios para ostentar cargos políticos. E vexo tamén subordinación, cando partidos estatais votan no Parlamento galego a prol do audiovisual en galego e despois no Congreso español votan unha Lei audiovisual que incumpre os acordos da Cámara galega. 

Comentarios