Opinión

Vetaron a sanidade

[Alberte Mera]

Non gostou no PP a Iniciativa Lexislativa Popular en favor da Atención Primaria que exixe máis recursos económicos e persoal para este ramo, piar fundamental da sanidade pública, esencial para tratar o inicio de doenzas, evitar as súas complicacións en moitos casos, e previr o colapso da Atención Hospitalaria. As súas señorías do PP decidiron votar en contra da ILP de SOS Sanidade Pública, que por certo, é a que máis apoio social tivo da historia, con máis de 55.000 sinaturas.

Unha mágoa cando as paredes das institucións tornan en muros de contención que enxordecen as protestas e denuncias sociais que poñen no albo a política de recortes en Sanidade da Xunta da Galiza. Gobernar deber ser sinónimo de escoitar o pobo e cubrir as súas necesidades.

A senda neoliberal marca a liña de xestión da Consellaría de Sanidade, esperemos que o Thatcherismo que ondea no 10 de Downing Street non siga a inspirar o señor conselleiro de Sanidade, e que non acabe por derivarnos ás farmacias para unha consulta de Atención Primaria.

Pode SOS Sanidade ser incómoda para o Goberno polas protestas que realiza? Si, as críticas moitas veces non sentan ben. É razón esta para oporse á mellora da sanidade pública? O Parlamento debe servir para debater, contrastar ideas, e mellorar a calidade de vida das persoas. Unha mágoa que onte o PP vetara a ILP pola sanidade. 

Comentarios