Opinión

Vergoña Real

[Alberte Mera]

Herdar unha Xefatura do Estado da man do ditador Francisco Franco debeu facer a Juan Carlos I de Borbón sentirse por riba do ben e do mal. Que eses homes "pais" da Constitución española gravasen con letras de impunidade a súa inviolabilidade debeuno facer subir até o trono celestial. E con esa impunidade conferida polos distintos poderes do Estado español é coa que o emérito aterra hoxe en Vigo para pasar uns días de esmorga en Sanxenxo.

"Explicar que?", respondía con fachenda na súa última visita -tamén a Sanxenxo- cando a prensa o interrogara por se tiña pensado dar algún tipo de argumento polas múltiples acusacións de corrupción e de levado de diñeiro que o rodean. Lonxe de dar argumentos, Juan Carlos regresa á Galiza con esa idea de corte submisa que ha de ter das galegas e galegos, toda vez que ten o seu fillo asentado no trono e ve unha monarquía estabilizada ao se esfumar a pulsión do 15-M e das proclamas republicanas por parte da inmensa maioría de forzas políticas e deputadas e deputados da esquerda estatal, salvo honrosas excepcións.

De novo volvemos ver como o rexeitamento a unha monarquía obsoleta e envolta en acusacións de corrupción veñen das nacións sen Estado. Juan Carlos está trabucado se pensa que a Galiza é unha corte de vasalos. Vergoña Real.

Comentarios