Opinión

Vento

[Xesús M. Piñeiro]

Marchas simultáneas desde O Courel e O Bierzo contra os macroparques eólicos, Veciñanza en pé contra a tramitación de dous proxectos eólicos no Deza, unha vintena de plans eólicos ameazan o Suído, Alertan do “desembarco” de “especuladores” para se facer con terras para eólicos...Estes son só algúns titulares destes días e que mostran até que punto “o eólico” centra a axenda galega. Nas comarcas afectadas a veciñanza está organizándose contra uns proxectos que consideran lesivos. O problema non é a enerxía renovábel, aclaran, senón un modelo para Galiza no que o eólico prevalece sobre calquer criterio socioeconómico, ambiental ou patrimonial e onde a veciñanza non ten voz.

Desde 1995 instaláronse máis de 4.000 muíños de vento nos montes galegos. Entre 2007 e 2017 o sector eólico xerou un beneficio de entre 400 e 700 millóns de euros. En 2017 o retorno económico para as comunidades rurais e os concellos foi de 5%. Unha porcentaxe que, segundo o Observatorio Eólico da Galiza, non contribuíu a dinamizar o rural ou a fixar poboación.

Após dez anos nos que a instalación de parques eólicos non superaba a cifra de 9, en 2019 construíronse na Galiza un total de 25. Unha dinámica que vai a máis.

Comentarios