Opinión

#SG243 Veñan máis 5!

Sermos Galiza fai cinco anos. Neste período mudamos de deseño, houbo altas e baixas no cadro de persoal, no Consello de Administración. Só unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como centro de gravidade desde o cal ollar o proprio país e tamén o mundo. Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como proxecto de comunicación.

Nestes cinco tivemos como único norte sermos un medio de intereses galegos e as nosas perspectivas son camiñar na mesma dirección, isto é, non defraudar ningunha das persoas ou entidades que ten como horizonte dispormos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos alleos á realidade social.

Infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade para quen acode aos quiosques co ánimo de ler prensa galega. Eventos como a celebración do 5 aniversario deben servir para ampliarmos esta base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social, máis posibilidades de nos consolidar.

E podermos dicer con cabeza e berro alto: veñan máis cinco!

Comentarios