Opinión

Valores

[Xoán Costa]

A  Unión Europea autoproclámase a defensora dos valores da dignidade humana, a liberdade, a democracia, a igualdade e o respecto aos dereitos humanos, incluídos os dereitos das persoas pertencentes a minorías. Mais tanta concreción normativa acaba sendo máis que nada "auga de castañas", que di o noso refraneiro. E neses parámetros móvese a actuación xeral dos vinte e sete e a particular de cada un deles. Tan coñecido é o caso do pouco respecto que o Estado Español ten coas persoas de lingua diferente á oficial como a permisividade que mantén perante delitos de abuso sexual. Sirva de exemplo o caso de Santi Mina que acabará xogando, moi ben pagado el e o clube de orixe, nun lugar onde os dereitos humanos, especialmente das mulleres, representan un cero no taboleiro do xogo democrático mais que mantén estraordinarias relacións comerciais co Estado Español. No fondo, a liberdade, a democracia e os dereitos das persoas, para o estado neoliberal, só son a cara imprescindíbel, mais amábel, das relacións comerciais.

Comentarios