Opinión

O valor dos silencios

[María Obelleiro]

O silencio tamén comunica. Que significado ten? O silencio ten sentido a través da interpretación do acto comunicativo, como acontece co tan célebre como lamentábel caso Xácome. O PP mantén unha postura antagónica á de PSOE e BNG, que reaccionaron fronte á filtración de audios nos que o alcalde de Ourense se refire a prácticas que rozan a corrupción, como o suposto branqueamento de capitais, o suposto financiamento irregular dun partido político e o suposto uso dun cargo político para colocar persoas de confianza en postos de traballo relacionados coa Administración da que se é responsábel.

E, neste contexto, o silencio e mais a pasividade do PP comunican que pode haber Goberno de coalición no horizonte, se a aritmética o fai posíbel, por iso o presidente Rueda cala e non lle esixe ningunha responsabilidade política ao alcalde de Ourense, que onte non se amosaba preocupado polas consecuencias que poidan derivar das súas palabras. Xácome empezou a rolda de prensa na que se esperaban explicacións cunhas palabras que deixan entrever a súa soberbia: “Non hai mellor modo de comezar a campaña electoral que con tantos medios de comunicación aquí”.

Falou de manipulación dos audios, de intelixencia artificial, de tramas de empresarios e da colocación de micros na Alcaldía. Iso si, dixo non ter probas. E a algunhas das preguntas dos medios de comunicación respondeu cun silencio que sementa a dúbida.

Comentarios