Opinión

Valentía

[Alberte Mera]

Pór as mans nos ollos, nos ouvidos e na boca para ignorar os problemas é unha opción. Outra é ser valentes que, como dicía Vetusta, "non é só cuestión de sorte", senón de enfrontar as problemáticas con políticas que combaten as inxustizas e as diferenzas en prol dun ben común. É de valentes o documento titulado 'O imposto sobre estadías turísticas para Santiago de Compostela', presentado onte pola alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín. Que ben se paga, sen protestar, a taxa turística cando se vai a cidades "moi europeas", pero que mal senta reivindicar o propio, o que Galiza precisa e beneficia.

Non sería lóxico estar en contra dunha taxa turística como a presentada onte, que permita captar ingresos ás arcas públicas para afrontar gastos derivados da afluencia turística. Moi ligado está o autoodio a rexeitar medidas como esta. As persoas que fan turismo na Galiza estarán acostumadas ás taxas turísticas que abonan cando van a outras urbes, por que non o han de facer aquí? A ordenación do turismo e o que o rodea, a empezar pola xentrificación, é unha urxencia. Non só na capital galega, que está a dar pasos valentes, tamén noutras zonas onde se expulsan inquilinas e inquilinos  no verán ou onde se xentrifican barrios enteiros como a zona vella de Vigo, que nos últimos anos é monocultivo de bares, peregrinos e pisos turísticos, onde a veciñanza "de toda a vida" marcha. 

Comentarios