Opinión

Vacinódromos como hologramas

[Alberte Mera]

Gripalizar a pandemia. Eis o obxectivo do Goberno español coa Covid-19. Para alén das mudanzas que implicaría sobre o actual sistema de estudo e comunicación dos contaxios e casos activos, tamén, todo indica que a estratexia iría acompañada de continuar coa vacinación de maneira periódica, ben co mantemento de vacinódromos ou coa administración das doses en edificios sanitarios tradicionais.

Sexa como for, a realidade é que na actualidade os vacinódromos seguen a pleno rendemento. Unha realidade que lapida os Orzamentos da Xunta da Galiza para este ano 2022.

O pasado mes de outubro, con falta de previsión, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presentaba o borrador do Executivo galego das contas de 2022 cun recorte para a Atención Primaria, que pasaba dos 1.391 millóns de euros consignados en 2021 para este servizo a 1.389 millóns para 2022.

A preguntas dos medios por esta redución das partidas, o conselleiro escudouse en que en 2022 “non habería vacinódromos nin reforzos nas UCI". Afortunadamente, grazas á ciencia e ás vacinas, a Covid-19 xa non está a saturar as UCI, mais a previsión de que non habería vacinódromos foi totalmente errada. Así que, a pregunta pertinente ao responsábel da Facenda galega sería de onde se está a recortar para custear os vacinódromos na actualidade?

Comentarios