Opinión

Vacinas

[Xesús M. Piñeiro]

"Os países ricos discuten entre eles sobre quen vai recibir que asignación de doses, e os demais países sentan a mirar, é unha vergoña". Díxoo Winnie Byanyima, directora executiva de ONU Sida, en referencia á lea entre a UE e AstraZéneca sobre a distribución de doses. Todos os focos xirando, unha vez máis, sobre Occidente. Como cando se fala de datos de vacinación ou de vacinas, semella que non existe nada que non sexa Occidente.

O problema é grave. Até a propia Bruxelas é consciente do que está en xogo e ameaza con intervir plantas de fabricación da vacina, apelando ao lóxico dereito á saúde. 
Mais é que unha vez que estea resolto ese problema, grave, certo, continuará habendo outros problemas graves dos que apenas se fala: a vacinación nos países empobrecidos ou en situación de fortes desigualdades. 

Suráfrica está a pagar 4,32 euros por cada dose da vacina de AstraZéneca, dúas veces e media máis que o prezo fixado para os países europeos. A (i)lóxica do libre mercado impera, por riba da saúde e da propia vida. Contra iso tamén debería haber unha vacina.

Comentarios