domingo 28/02/21

Vacinación

[Xesús M. Piñeiro]

As xerencias dalgunhas áreas sanitarias están a incumprir as instrucións do Sergas canto ao proceso de vacinación da Covid-19. Algunhas destas xerencias vacinaron persoal de segunda liña sen facelo antes co de primeira, e mesmo administraron vacinas en hospitais libres de Covid-19.

A denuncia sindical, desta volta de Comisións Obreiras, chega en plena polémica pola inoculación no Estado de políticos, cargos públicos ou persoal ao que non lle correspondía aínda ser vacinado.

Na Galiza, o debate sobre esta cuestión fía coa demanda feita polo BNG a Núñez Feixoo para que dea conta no Parlamento galego sobre o plan de vacinación. O presidente da Xunta, tan crítico en público co ‘populismo’, pide que os políticos sexan os “últimos” en se vacinar, nunha declaración exemplo, precisamente, dese ‘populismo’. Os políticos deberían vacinarse como o resto da poboación, cando lles toque. 

E, mentres, os políticos con responsabilidades de Goberno deberían de tomar medidas e adoptar decisións para atallar unha pandemia que na Galiza xa matou case 1.600 persoas.

comentarios