Opinión

Utopías. Baltar e o emérito

[Xoán Costa]

Cando en abril de 2012 Xoán Carlos I foi cazado en Botsuana matando elefantes, da súa real boca, hoxe emérita, saíron aquelas dez palabras que nos sorprenderon porque soaban a desculpa falsa: "Lo siento mucho, me he equivocado, no volverá a ocurrir". En abril de 2023 o presidente da Deputación de Ourense é cazado a 215 kms/h ao volante dun coche oficial capaz de alcanzar os 100 kms/h en seis segundos. Seis segundos son suficientes para pór Baltar a cen.

Os dicionarios recollen a expresión ir a cen, ou andar a cen, para indicar que alguén se encontra nun estado de grande excitación. Imaxinen Baltar a dous centos! E asegura que non se deu conta, que foi un despiste, que foi un erro. Mais non di que non volverá a acontecer. Menos mal! Leva -segundo podemos ler na prensa- varias multas acumuladas por exceso de velocidade. Ministros de varios gobernos do mundo teñen dimitido por cuestións relacionadas coa condución. Baltar non.

E o PP mira para outro lado. A culpa é das longas rectas de Zamora que se prolongan no horizonte. Se fosen estradas como as de Ourense, nada tería pasado. O despiste de Baltar ten moito a ver con que era 23 de abril. Seguramente pensaba en Eduardo Galeano: "A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos e ela afástase outros dous". E se a utopía se apelida Xácome?

Comentarios