Opinión

Unha estafa

[María Obelleiro]

É un roubo, unha estafa. Non ten outro cualificativo o que acontece coa AP-9. Empezou xullo e, malia as promesas do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, non hai rebaixa nas portaxes dunha das autoestradas máis caras -e máis rendíbeis para a concesionaria- de todo o Estado español. Unha infraestrutura que, malia o confinamento severo de 2020, deu uns beneficios de 33,7 millóns, tras recadar, nas portaxes case 128 millóns. Os números non menten: un de cada catro euros de peaxes vira en beneficio neto.

Viaxar de Ferrol a Tui (case 200 km) vale practicamente o mesmo que ir de Porto a Lisboa (300 km). Aínda así, as usuarias e os usuarios da AP-9 seguen a padecer os efectos dunha concesión que vai até 2048 após as renovacións feitas por UCD, PSOE e, sobre todo, PP. Unha ampliación de 36 anos que afecta ao peto das galegas e galegos. O Goberno do Estado ten agora a oportunidade de facer xustiza e de posibilitar a rebaixa das portaxes -en aplicación do pacto de investidura entre o PSOE e o BNG- e mais a transferencia da súa xestión á Galiza.

Comentarios