Opinión

#EditorialSermos358: Un turismo sustentábel

Mudar o modelo turístico, coa vista posta na sustentabilidade, debe ser un dos obxectivos da Galiza do futuro. En lugar de primar a cantidade, debe primarse a calidade, co aumento da estancia das persoas visitantes e coa promoción do turismo cultural e verde. Nas urbes debe priorizarse manter con vida os cascos históricos e garantir que non perdan a súa identidade. Cidades como Compostela ven fechar comercios emblemáticos e ven como se acaba coa diversificación comercial, cunha oferta ateigada de souvernirs procedentes de Asia en detrimento da artesanía galega. A capital da Galiza sofre, ademais, a existencia de pisos turísticos ilegais e o encarecemento da vivenda.

Fronte a un modelo eminentemente mercantilista, cómpre apostar nun turismo social, respectuoso con Galiza e coherente coa visión dun pobo que ten a súa propia historia, un patrimonio vizoso e valores naturais e culturais que deben ser preservados. O turismo, fonte de riqueza que crea postos de traballo, debe desenvolverse dunha maneira equilibrada, sen saturacións, sen especulacións, sen masificacións e sen transformacións urbanísticas que empeoren a calidade de vida da veciñanza. Calidade, non cantidade. Eis a chave.

Comentarios