Opinión

Un presidente sen máscara

[Xoán Costa] 

Desde que se tomaron as primeiras medidas para o control do andazo da COVID-19, coa declaración da alerta sanitaria, o Goberno da Xunta, co seu presidente á cabeza, comezou a actuar, máis claramente do que nunca o fixera, como un dos elementos máis activos en favor da centralización do Estado. É o mesmo que veu facendo nos derradeiros once anos no goberno sen asumir ningunha nova competencia, sen transferencias de xestión de infraestruturas chave para a Galiza, sen desenvolvemento de planos de modernización dos sectores produtivos primarios, mais amparándose agora no estado de alerta sanitaria e responsabilizando a dispersión e o envellecemento poboacional ou a orografía difícil de non ter aínda rematado certos planos de modernización tecnolóxica. O de sempre, mais agora de modo moito máis concentrado e en español como lingua vehicular. Sabe ben o Sr. Feixoo que é máis rendíbel para os seus intereses político queixarse de que o Estado non envía recursos do que reclamar competencias. Por iso agora actúa sen máscara.

Comentarios