Opinión

Un paso adiante

[María Obelleiro]

A esquerda abertzale fixo onte un pronunciamento significativo con motivo do décimo aniversario da fin da actividade armada da ETA. Fixo unha “especial mención” ás vítimas e expresou a súa “dor” polo “sufrimento” que padeceron. Isto “nunca debeu ter acontecido”. Tamén reclamou unha solución para as presas e presos vascos. O comunicado dos principais dirixentes de EH Bildu e Sortu representa un paso adiante na normalización da relación entre o PSOE e a coalición de forzas políticas do nacionalismo de esquerdas de Euskal Herria. Zapatero pedía recentemente, nunha entrevista publicada en Berria, que era necesario que a esquerda abertzale “acelerase a autocrítica”. Hoxe o ex presidente do Estado español participará nun acto en Gernika. Pronunciarase ao respecto? O que non semella chegar a curto prazo é a solución á situación das presas e presos. Acabar coa política penitenciaria do Estado español formou parte da axenda de EH Bildu no Congreso desde a chegada de Sánchez á Moncloa, mais, de momento, a petición non tivo éxito.

Comentarios