Opinión

Un mundo paralelo

[María Obelleiro]

Hai que ter cara. Unha ben dura para non arrubiarse, mais Feixoo non se inmuta. Hai nada criticaba que o fondo de 2.000 millóns de euros de axuda do Estado ás autonomías tivese como destino o ensino público. Pedía decidir el, desde a Xunta, a onde dedicar a cantidade que recibiría Galiza (finalmente só van ser 92,9 millóns, 4,6% do total). Pois ben, onte anunciou que pedirá na Conferencia de Presidentes un novo fondo para educación en 2021.

Este exemplo non é o único. Tamén onte volveu celebrar a sentenza pola cal se devolve ao pobo o pazo de Meirás e salientou o labor da Administración galega ao respecto, cando o proceso se puxo en marcha grazas á iniciativa da Deputación da Coruña. Quizais non lembre cando, publicamente, considerou “franquista” expropiar o inmóbel á familia do ditador.

Imaxinan poder vivir no mundo paralelo de Feixoo? Nunha Galiza cunha xestión brillante da pandemia; cuns servizos públicos fortes e correctamente financiados polo Goberno galego; cun PIB potente? Para isto, moito ten que mudar.

Comentarios