Opinión

Turistas e Covid, expediente X

[María Obelleiro]

Na terza feira Nós Diario facíase eco en exclusiva de que a Consellaría de Sanidade non inclúe nas contas oficiais de novos contaxios e de casos activos da Covid-19 as persoas de fóra da Galiza que visitan a nación. Ao día seguinte, publicabamos que a Xunta gastaba 1,4 millóns nun seguro sanitario privado “todo incluído” para cubrirlles ás e aos turistas a prestación sanitaria e unha posíbel corentena.

En resposta ás preguntas deste medio, o conselleiro de Sanidade dixo onte que si computaban os casos de visitantes mais só por área sanitaria e non por concello. Unha maneira de maquillar os datos que se ofrecen dos puntos máis turísticos da Galiza. Unha maneira de facer trampas á hora de estabelecer os distintos niveis de restricións. E unha maneira de afondar nos desequilibrios entre concellos. Sería bo que houber máis transparencia, tamén a respecto das persoas afectadas pola Covid-19 por tramos de idade. Non se entende por que a Xunta da Galiza segue a ocultar estes números.

Comentarios