Opinión

Tres

[Xesús M. Piñeiro]

Verín, Touro e Salto da Sela. En apenas tres días, tres vitorias da mobilización veciñal. A recuperación da sala de partos de Verín, a fin do proxecto mineiro para Touro-O Pino e o punto e final á posibilidade de construír encoros na zona do Salto da Sela, no río Miño. Coinciden as tres en que foron quen de implicar e mobilizar a veciñanza na defensa do público e do común, en ser iniciativas populares que souberon facer fronte e superar todas as adversidades, e en carecer do apoio –cando non tiveron enfronte– do Goberno que debería representar e defender os intereses das galegas e galegos.

Verín, Touro e Salto da Sela son vitorias da veciñanza que traspasan o estritamente local e comarcal para sumar un triunfo colectivo: o de demostrar que é posíbel mudar desde a unión, a perseverancia e o compromiso unha realidade contraria á maioría social e que, porén, se nos teima en presentar como necesaria e inamovíbel. Unha lección que se repetiu en numerosas ocasións ao longo da historia da Galiza e que agora, en 2020, volve demostrarnos do que como pobo somos capaces.

Comentarios