Opinión

Treme a terra

[Xesús M. Piñeiro]

Un terremoto de 4,4 rexistrado no Cantábrico sentiuse en varios puntos da costa norte da Galiza na mañanciña desta sexta. Localizouse "a uns 50-60 km da costa ao norte de Cariño", explicou a sismóloga de garda do Instituto Xeográfico español. Así pois, treme a terra, como o mítico festival de Pontedeume que leva 20 anos sendo epicentro de todo un sismo musical, cultural e político-social. 

Estamos nun país que treme sen necesidade de terremotos: Entre a comarca que rexistra mellores cifras na renda por habitante (A Coruña, 18.319 euros) e a que ten peores números (A Paradanta, 9.046) hai unha fenda que non deixa de alargarse. Un veciño da primeira ten uns ingresos de media que duplican os da segunda. As dúas Galizas. 

Galiza treme e non por un sismo: unha Atención Primaria esgotada por anos de recortes, un ensino conxestionado após unha década de políticas de Gobernos Feixoo, un tecido industrial en desfeita, aumento da precariedade laboral, dispárase o custo da vida moi por riba da suba de salarios e prestacións...

Como para non notalo.

Comentarios