Opinión

Trampas ao solitario

[María Obelleiro]

Nunha entrevista que publicamos neste número un profesor da Universidade de Vigo pon de manifesto que a Xunta é a máquina de propaganda que mellor funciona na economía galega. É. Á vista está en como retorce o Goberno de Feixoo a realidade lingüística nos centros de ensino, como se o galego e o castelán estivesen á mesma altura e como se o idioma propio da Galiza non estivese prohibido na área científico-técnica. Tamén é un xenio en enxeñaría contábel. Demóstrao na presentación dos datos sobre a Covid-19. Sanidade destaca que descende o número de novos contaxios e os casos activos, mais non a que se debe. É doado: a menos realización de probas PCR, menos novos positivos. Terxiversación máis unha vez. Como cando o conselleiro de Sanidade acode a doar sangue e prega que doen os tipos A e 0 positivo, chamas á Axencia de Doazón e resulta que non hai cita por falta de persoal. E neste mundo paralelo que nos vende a Xunta da Galiza temos que crer que Política Social non sabía nada das graves deficiencias denunciadas por traballadoras da residencia de maiores de Salvaterra e postas en coñecemento da Inspección. Cousas veredes!

Comentarios