Opinión

‘Toja’ cheira a naftalina

[María Obelleiro]
 
Comecemos polo inicio. ‘La Toja’ non existe. A única forma legal é A Toxa, mais o autoodio que profesa o presidente Feixoo (que non Feijóo) provoca que non se moleste en explicarllo aos elixidos deste foro casposo e rancio. Como no seu momento cos ricachóns, A Toxa está a ser colonizada estes días por ‘señoros’ que se dan homenaxes de mariscadas que despois dixerirán sobre unha saba de algodón exipcio de 400 fíos. Ou no casino, porque ficaron fóra do ‘toque de queda’ que sofre o lecer nocturno. O capital manda.
 
As cabezas pensantes son de homes, claro, porque as mulleres neses foros só servimos para presentar os convidados ou para lles dar a benvida. E como se o machismo non fose suficiente, os valedores do liberalismo, aqueles que impulsaron as medidas regresivas para a clase traballadora, alaban o rei de España e enxalzan o réxime do 78. Curiosamente, promove o foro un polémico grupo empresarial cuxos traballadores e traballadoras denuncian “explotación laboral”. E todo, perfectamente retransmitido pola TVG, que para isto si ten medios.

Comentarios