Opinión

Togas fedorentas

[María Obelleiro]

Lembran aquela estampa na que Castelao debuxou unha señora que carga sobre as súas costas o cadaleito da Lex? “Canto pesa e como fede” recollera, con acerto, o intelectual nacionalista. Case cen anos despois, a imaxe ilustra, de maneira maxistral, a realidade xudicial que se vive. No Estado español, muda o poder executivo e o lexislativo, mais o xudicial permanece dentro da caverna, reaccionario, e non se renova, até o punto de que nunha sentenza de 2021 se argumenta que na Galiza “profunda” non existen, segundo a xuíza, “múltiples posibilidades para o axeitado desenvolvemento da personalidade dunha crianza e para que creza nun ambiente feliz”, como si o faría na Marbella “cosmopolita”, cun “bo hospital” e “todo tipo de colexios para poder educar un neno, públicos e privados”.

Unha resolución que pesa e que fede. Fede a togas españolistas. Detrás do adxectivo “profunda” agóchase o desprezo e o odio cara ao rural e cara á Galiza. Un clasismo ateigado de estereotipos e prexuízos dunha maxistrada que entende que unha contorna rural é negativa. Contra o fedor, reivindiquémonos como galegas e galegos.

Comentarios