Opinión

Todos se van

[Alberte Mera]

Este 23 de febreiro, Día de Rosalía, as letras da autora fundacional da literatura galega seguen de actualidade. Alén do inmenso valor da súa obra, a denuncia nos seus versos continúa vixente: discriminación lingüística, falta de autoestima galega, xustiza a prol dos poderosos, machismo, fame, emigración... Pobre Galiza, país que en 2022 segue estupefacto pola traxedia no mar que engule os mariñeiros e que ve a súa mocidade como segue a emigrar.

Un recente estudo do Instituto Galego de Estatística non deixa boas perspectivas para o futuro, prevendo unha progresiva perda de habitantes durante os vindeiros 15 anos. En 2035 estímase que habitarán na Galiza apenas 2,5 millóns de persoas. Máis de 80.000 galegas e galegos de entre 16 e 29 anos marcharon na última década. Nin o coronavirus deu parón á sangría poboacional. No mesmo ano en que a Covid impactou aquí e a pesar das restricións de mobilidade e o forte parón na industria a nivel mundial, 21.001 persoas marcharon da Galiza.

A desindustrialización do país ante a inactividade de institucións enche maletas de tristeza e soños rotos. 'Este vaise e aquel vaise e todos, todos se van'... Será quen o país de dar volta a séculos de despedidas en peiraos, estacións e aeroportos?

Comentarios