Opinión

Terror machista

Os dados que oferecemos no Tema da Semana deste Sermos171 en relación á violencia machista son estarrecedores.


Os dados que oferecemos no Tema da Semana deste Sermos171 en relación á violencia machista son estarrecedores. Non podemos actuar como sociedade finxindo que non pasa nada. Si que pasa e é moi grave. Estase a librar unha guerra contra as mulleres. E as mulleres están virtualmente inermes, abandonadas por unhas institucións públicas para as cais o problema ou non existe ou non está na orde de prioridades.

Neste Sermos171 puxemos o foco no partido xudicial de Vigo -que abrangue a cidade olívica, Baiona, Nigrán e Gondomar- pola alta incidencia de atentados contra as mulleres rexistrados nos últimos meses e porque demos cun testemuño moi relevante, o da xuíza Paz Filgueira, responsábel do Xulgado de Violencia sobre a Muller deste territorio galego. Mais Vigo non é para nada unha excepción e todo o que denuncia Paz Filgueira -a sobrecarga de traballo, a falta de recursos para combater a barbarie machista- é perfeitamente extrapolábel ao resto do país.

O 3,4 das mulleres do partido xudicial de Vigo recorreron á xuíza Paz Filgueira nos últimos 4 anos. É unha cifra espeluznante

O 3,4 das mulleres do partido xudicial de Vigo recorreron á xuíza Paz Filgueira nos últimos 4 anos. É unha cifra espeluznante, como o é tamén o feito de que este asunto estea ausente dos grandes titulares do debate político. Non é un problema máis. É un dos máis grandes problemas que temos como sociedade porque atinxe ao que somos como civilización e porque pon de relevo que os dereitos humanos máis elementais de máis da metade da poboación se violan todos os días.

Estamos a poucos días das eleccións xerais É exixíbel ás forzas políticas que nos digan con clareza como pensan combater o terrorismo machista. É fundamental que se dote con suficientes recursos os xulgados de violencia sobre a muller e as políticas públicas de igualdade. Os recortes matan mulleres. Mais hai que ir alén diso e hai que dar a batalla cultural contra o Patriarcado. No debate na rúa, nos parlamentos, nas escolas, nos meios de comunicación de masas. É imprescindíbel estremar a loita contra toda forma de opresión das mulleres. E aquí o partido no goberno ten unha especial responsabilidade. Non só por recortar onde nunca se debe recortar, senón por amparar actitudes machistas, como no caso do recente aval dado por Feijóo ao presunto acosador José Manuel Baltar.

Comentarios